As bases de Podemos escollen a Gómez-Reino como cabeza de lista e a Luca Chao de 'dúas' pola Coruña

Marcos Cal e David Bruzos, que se perfilan como 'tres' e 'un' por Pontevedra e Ourense na candidatura final, entre os máis votados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2020 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Os inscritos de Podemos Galicia proclamaron ao secretario xeral da súa formación, Antón Gómez-Reino, como candidato á Presidencia da Xunta pola coalición Galicia En Común-Anova, lista na que, en virtude do acordo alcanzado, o número dous pola provincia da Coruña ocuparao Luca Chao, quen resultou a máis votada nas primarias que a organización morada celebrou ao longo dos últimas días.

Na mañá deste xoves, Podemos deu a coñecer os resultados das votacións, nas que participaron 1.712 dos ao redor de 13.000 inscritos activos cos que conta o partido morado en Galicia.

Deles, o 89,78% (1.537 persoas) apoiaron a única candidatura para ser cabeza de lista, a de Gómez-Reino, que se converterá no candidato á Presidencia da Xunta pola coalición subscrita entre Unidas Podemos e Anova, resolta a última hora do pasado venres. Un total de 175 inscritos (o 10,22% dos participantes nas primarias) votaron en branco.

En virtude do acordo alcanzado, corresponden a Podemos o segundo lugar da candidatura pola Coruña e o terceiro por Pontevedra, que ocuparán Luca Chao e Marcos Cal, respectivamente. Ambos foron deputados na última lexislatura e resultaron os máis apoiados nas primarias ao obter 31.510 e 26.866 puntos a través do sistema de votacións, polo que os inscritos debían optar por 24 nomes e ordenalos segundo a súa preferencia.

O deputado no Congreso durante a efémera lexislatura de 2016 David Bruzos foi o terceiro que máis apoios obtivo no proceso (25.886), polo que ocuparía a cabeza da lista de Galicia En Común-Anova pola provincia de Ourense.

En cuarto lugar quedou o actual secretario local de Podemos en Lugo, José Manuel Pérez Afonso. No entanto, o primeiro lugar da lista por Lugo na coalición electoral se reserva a Anova, formación que aínda está pendente de nomear aos seus candidatos.

Pechan o dez primeiros postos das persoas máis votadas nas primarias Verónica Hermida (21.559 puntos), Vitoria Álvarez (21.112), Julia Torregrosa (20.260), Begoña Pedrouzo (19.144), Borja San Ramón (18.494), Isabel Faraldo (17.200).

Así as cousas, tras o proceso interno celebrado no seo do partido morado, só falta Anova por determinar que persoas ocuparán os postos que lle corresponden na candidatura da coalición coa que concorrerán ás eleccións do 5 de abril, xa que tanto Podemos como Esquerda Unida (á que corresponde o número uno por Pontevedra que ocupará Eva Solla) xa anunciaron os seus candidatos.

Este sábado, a candidatura de Gómez-Reino á Presidencia da Xunta será lanzada cun acto na Coruña no que participará o vicepresidente do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias, e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

O secretario xeral de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, pousa tras unha entrevista con Europa Press, na sede do partido en Santiago de Compostela
O secretario xeral de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, pousa tras unha entrevista con Europa Press, na sede do partido en Santiago de Compostela | Fonte: Galicia (España) a 23 de xaneiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

5 Sentidiño

Unha participación do 12% dá moi pouca lexitimidade... O mesmo sucede co control do bng pola "minoría activa" da upg. E do resto de partidos, xa nin falar. Lenin sabía moito, e por toda a parte do que se trata é de que uns poucos profesionais practiquen o entrismo, para logo repartiren o pastel. Qué pena.

1 Casimiro

Que pena? Non, que vergoña por aturalos! E que grande noxo! Que uns trepas do PcE (o vello de IU ou o oportunismo do postureo podemita) e a UPG repartan a tarta igual que o PPsoE! Que a prioridade sexa colocar amigos e controlar o aparato amosa que precisamos limitar mandatos para evitar profesionais da política, horizontalidade e democracia na base, non ao dereito de pernada da casta nin das famílias... No fondo, a Ana Pontón e a Gómez Reino o que primeiro que lles preocupa é manterse no cume onda (non teñen vida profesional), e controlar o chiringuito. Por iso, digámolo alto e claro: non son dos nosos, están máis próximos a Feixóo, a Rodriguez Miranda, a Nava Castro, a Susana Abella... Son a casta!

4 Dalle que libras

Parece que a Isabel Faraldo xa a van calando a bases de Podemos

3 Gamela

Tamén pode ser que os usuarios desconfíen da confidencialidade dos seus votos pero non parece que o sistema de votación sexa realmente válido para promover a participación da xente! Se a iso lle sumamos o silencio nas redes sociais https://i.gal/gamela21 parece que regresamos á situación anterior ao 15M (Que non nos representan!) Datos Podemos Galicia https://galicia.podemos.info/result... Se o día das eleccións tamén vota o 15% imos ter un problema de carallo! https://youtu.be/C7cN0qV60zc?t=7m54...

2 Gamela

A ver se alguén me explica como un sistema de votación tan sinxelo e cercano só é quen de recoller o voto de a pénas un 12% dos inscritos? Se o censo é realmente de 13.000 persoas activas, no mellor dos casos (descontando os votos en branco) só votaron 1.618 persoas! Agora que xa todo o mundo sabe que estas listas teñen por obxectivo instalarse no poder (cargos remunerados) semella que as multitudes desaparecen e o sistema democrático volve a non representar a ninguén!

1 Gómez-República

Ollo que as listas ainda están sen pechar con ANOVA e nunca hai que esquecer a capacidade de estos dous para montar follóns de última hora.

1 Bernal Calvo Delaciga

Galicia en Común-Anova é unha coalición. As candidata de Anova escólleas Anova. Sinto estragarche a festa, blocallo.