Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2020 | Actualizada ás 11:53
Febreiro remata con dous grandes incendios na provincia de Ourense. Ambos foron extinguidos xa, tras queimar unha superficie total superior ás 100 hectáreas. Un deles orixinouse en Vilariño de Conso, mentres que o outro foi rexistrado en San Xoán de Río.
Segundo informa a Consellería do Medio Rural, o lume que afectou a Vilariño do Conso iniciouse pasadas as nove da noite do venres na parroquia da Castiñeira. A iso das tres da madrugada, xa estaba controlado, pero non foi ata esta mañá que se deu por extinguido. As últimas medicións indican que calcinou unhas 40 hectáreas de monte raso.
Por outro lado, tamén quedou extinguido o incendio en San Xoán de Río tras calcinar unha superficie de 80 hectáreas, segundo as estimacións. Este iniciouse ás 20,10 horas do venres na parroquia de Seoane de Argas e quedou apagado ás 6,33 horas deste sábado. No punto interviñeron dous axentes, cinco brigadas e dúas motobombas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía a través do número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal. Ademais, existe outro número gratuíto e anónimo para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita: 900 815 085.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.