Elena Candia, Ángeles Vázquez e Marisol Díaz encabezan as listas do PPdeG canda a Feijóo

O presidente liderará a candidatura de Pontevedra, na que Corina Porro irá de número 2.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, optou por dar protagonismo ás mulleres nas candidaturas das autonómicas do próximo 5 de abril. Deste xeito, Elena Candia, será a número un por Lugo; Ángeles Vázquez, pola Coruña; e Marisol Díaz, por Ourense. Pola súa parte, Feijóo mantense como cabeza de lista por Pontevedra e tras el irá a exalcaldesa de Vigo Corina Porro.

Elena Candia, Ángeles Vázquez e Marisol Díaz encabezan as listas do PP con Feijóo
Elena Candia, Ángeles Vázquez e Marisol Díaz encabezan as listas do PP con Feijóo | Fonte: EP

Alberto Núñez Feijóo salientou a "experiencia política, experiencia de xestión e recoñecemento electoral" destas mulleres para encabezar as candidaturas coas que optará a un cuarto mandato nos comicios do 5 de abril. "A partir de agora estamos como servidores de Galicia e por tanto sabemos perfectamente onde imos: a servir aos galegos e ás galegas de toda condición. E sabemos que o imos a facer desde unhas siglas políticas, pero non perdendo o obxectivo: o primeiro é Galicia e despois o partido", proclamou.


ELENA CANDIA E ÁNGELES VÁZQUEZ

Elena Candia (Mondoñedo, 1978) é a presidenta do PP provincial de Lugo desde marzo de 2016 e alcaldesa de Mondoñedo con maioría absoluta desde 2015, cargo que terá que deixar para ir nas listas para as autonómicas. Dela, Feijóo destacou o seu "compromiso con Lugo sen fisuras".

"Sei que non é fácil para ela, sei que está nunha situación de dobre vinculación, con Mondoñedo, con Lugo e con Galicia, pero o importante é que con esta incorporación Elena Candia dá un paso, Mondoñedo dá un paso, Lugo dá un paso", valorou o presidente.

Candia, visiblemente emocionada no acto deste sábado, despraza así ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen foi a cabeza de cartel por Lugo nas eleccións do 2016.

Tras este movemento, será a candidatura pola Coruña a que estea encabezada por un membro do Goberno galego. Ángeles Vázquez (Melide, 1972) foi alcaldesa do seu municipio ata 2015, ano no que Feijóo lle confiou a Consellería do Medio Rural. En 2018, asumiu o departamento de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tras a última remodelación do Executivo.

Ángeles Vázquez, a quen Feijóo erixiu en "referente" para "a Galicia verde", será o 'un' da lista da Coruña en lugar do presidente do partido na provincia, Diego Calvo, quen o foi en 2016.

CORINA PORRO E MARISOL DÍAZ

Tras o propio presidente da Xunta, que dirixirá a candidatura dos populares en Pontevedra, irá Corina Porro --Ferrol, 1953--, alcaldesa de Vigo entre 2003 e 2007, delegada da Xunta na cidade desde 2019 --ata o seu cesamento esta semana-- e líder da xestora do PP local.

Feijóo recupera a Porro para as listas das autonómicas como a súa 'dúas' en lugar do seu vicepresidente no Goberno autonómico e líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, quen se espera que vaia noutros postos. Para o de Os Peares, a exrexedora representa o "compromiso" do partido con Vigo e coa "mestura perfecta" da Galicia urbana e da Galicia rural.

"Quero agradecerlle que desde esta cidade poboada estea a demostrar que se pode ter personalidade, que se pode ter criterio, que se pode comprometer con Vigo comprometéndose co resto da provincia e co resto de Galicia", subliñou.

De todas elas, a única que repite con respecto á lista de 2016 é Marisol Díaz Mouteira --Kelkheim (Alemaña), 1967--, delegada da Xunta desde 2015 e quen este mesmo xoves foi unha dos doce altos cargos da Administración que cesaron para, previsiblemente, formar parte da candidatura do PP ao 5A.

"Dedicouse durante catro anos á xestión para resolver os problemas dos cidadáns e por iso, polos seus resultados electorais encabezando a lista de Ourense, polo seu compromiso coa xestión e a resolución dos problemas dos cidadáns da provincia, volvemos outra vez a proporlle que encabece a candidatura da cidade das Burgas", xustificou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Votar Feijoo e Corina e teremos un novo Plan de Vivendas Gratis ! https://flic.kr/p/2iyYqm2