Galicia, clave para entender onde procuran comida as baleas no Atlántico Norte

Científicos de varios países coordinados analizaron mostras de individuos desta especie en Islandia, Azores, Estreito de Xibraltar e augas galegas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/03/2020 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

Debido a súa gran mobilidade, á realización de grandes migracións e á dificultade e enorme custe que supoñen as campañas de estudo no medio mariño, sempre ten sido difícil identificar poboacións ou unidades de xestión dentro das baleas comúns (Balaenoptera physalus) do Atlántico. Nun recente estudo publicado na revista Marine Environmental Research realizado por investigadores de varios países coordinados por Pauline Gauffier e Asunción Borrel, con mostras de individuos de Islandia, Galicia, Azores e do Estreito de Xibraltar, demostrouse que estas baleas poden chega a compartir unha mesma zona de alimentación no centro do Atlántico norte, pero que o fan en distintas épocas ao longo do ano, informa a Cemma (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños).

Balea común alimentándose xunto con golfiños comúns na costa galega
Balea común alimentándose xunto con golfiños comúns na costa galega | Fonte: Cemma.

Para diferenciar poboacións dentro dunha especie pode ser suficiente a análise xenética dos individuos, pero hoxe en día recoméndase que esta análise sexa complementada con outro tipo de estudos de indicadores ecolóxicos que poden aportar maior precisión para establecer unha dinámica poboacional que poden chegar a definir subpoboacións ou unidades de xestión como ferramenta de conservación, identificando individuos que teñan un comportamento ecolóxico similar coincidente en espacio e tempo.

INVESTIGACIÓN

A análise que se utilizou para levar a cabo este estudo é a análise de diferentes formas de átomos (isótopos estables) de carbono (13C/12C), nitróxeno (15N/14N) e osíxeno (18O /16O) en mostras de pel. Os isótopos son “formas ou tipos” de átomos dun mesmo elemento, teñen igual número atómico, igual número de protóns, pero diferente número de neutróns co que terán distinto número másico (suma de protóns e neutróns). A maioría dos elementos químicos poseen máis dun isótopo.

Os de carbono e nitróxeno son indicadores da dieta e pódense usar para establecer un nivel trófico para un individuo dentro dun ecosistema e averiguar se este ecosistema é máis costeiro ou máis oceánico, mentras que o de osíxeno é usado como indicador de variabilidade latitudinal, xa que está condicionado pola temperatura e a salinidade da auga mariña. A análise consiste en comparar os valores das mostras analizadas cos valores coñecidos para esos mesmos isótopos ao longo de toda a área de estudo e para a súa presa principal, o krill, tamén ao longo da área de estudo e en distintos momentos do ano.

As análises de Galicia incluíron mostras recollidas pola Universidade de Barcelona durante as operación baleeiras ata o ano 1985, e mostras recollidas pola Cemma a través da atención a animais varados dende 1992.

Os resultados indican que as baleas que se alimentan en Islandia nos meses de verán, pasaron os meses previos de inverno nunha área situada máis ao sur. Esta área é a mesma pola que pasan as baleas que migran cara o norte dende as Azores a principios de verán, no seu camino a Islandia, e é tamén a área á que chegan as baleas do Estreito de Xibraltar para alimentarse a mediados de verán, aínda que algunhas delas quedarían alimentándose no Golfo de Biscaia.

As baleas de Galicia fan un movemento similar ás do Estreito, pero con menor amplitude, facendo desprazamentos entre augas exteriores e augas máis litorais, que podería incluir unha alimentación estacional en peixes en vez de krill a finais de verán e principios de outono.

Outro dos resultados deste estudo, como destaca a Cemma, é que en base aos isótopos analizados, algunhas baleas comúns que volven ao Estreito de Xibraltar non seguen cara o norte de África, se non que pasan o inverno alimentándose no Mediterráneo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta