Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 16:25
O candidato socialista do PSdeG, Gonzalo Caballero, contrapuxo este martes a "boa xestión" das deputacións socialistas coa "estabilidade dos cemiterios" que representa o aspirante do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo. O xefe de filas dos socialistas galegos reuniuse en Santiago de Compostela cos presidentes das deputacións da Coruña, Valentín González Formoso; Lugo, José Tomé; e Pontevedra, Carmela Silva.
Na súa intervención, puxo en valor a capacidade destas tres institucións para "avanzar e progresar", con medidas en infraestruturas e en políticas sociais que "suplen as deficiencias dun goberno da Xunta que non chega aos territorios e que non está preocupado polas persoas".
En fronte, situou a un Alberto Núñez Feijóo que "se pon medallas falando da estabilidade". "A estabilidade de Feijóo é a estabilidade dos cemiterios, un proxecto esgotado no que nada se move e non hai avance para a cidadanía", asegurou.
"Queremos dicirlle aos galegos que os exemplos de goberno das nosas deputacións son a mellor mostra de como os socialistas podemos encarar un goberno de progreso a partir do mes de abril, cunha maioría progresista liderada polo PSdeG que encarrilará os retos pendentes da nosa comunidade", indicou.
Ademais, aproveitou para acusar o Executivo galego de "repartir os fondos de forma clientelar e por amiguismo". "Os fondos que as deputacións (socialistas) dedican aos distintos concellos repártense con criterios obxectivos", sinalou Caballero.
MÁIS PARADOS
Neste sentido, comprometeuse a "canalizar" as "desfeitas" que Feijóo deixa tras 11 anos de xestión. "E ímolo facer cun goberno que ten un compoñente galego e galeguista ao servizo do país, prioridade nas persoas, nas políticas sociais, na sanidade, unha nova política de vertebración territorial e unha nova política económica que permita corrixir o desastre de Feijóo en materia de emprego", argumentou.
E é que, segundo indicou, Núñez Feijóo deixa Galicia con "70.000 traballadores menos" que cando chegou. "É a mellor mostra do desastre de Feijóo, por iso non quere falar de emprego nesta precampaña, non quere falar do seu desastre en materia laboral mentres en España hai 670.000 traballadoras máis", apuntou.
Por último, asegurou que o Partido Popular cada vez está "máis preocupado" polo feito de que "os números non lle dan". "Está a tentar trasladar a Galicia unha miraxe desa Galicia oficial controlada polo PP desde a publicidade e a oficialidade da Xunta, pero a Galicia real espértase e quere cambio", sostivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.