Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2020 | Actualizada ás 10:00
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pon en marcha unha nova campaña divulgativa en defensa da participación equilibrada dos homes e das mulleres en todas as esferas da vida (política, económica e social). A paridade é un indicativo da calidade democrática dos países e tamén o mellor retrato da sociedade real.
Por esa razón, e para insertarse con éxito nas comunidades nas que operan, os editores dos medios, os seus cadros de persoal e os produtos infomativos que difunden deben asumir o novo sentido común da igualdade entre sexos. De que o fagan dun xeito real e decidido dependerá o cumprimento da súa función como instrumentos para a cohesión social.
Neste 8 de Marzo de 2020, e baixo o lema #2020FiftyFifty, o Colexio lémbralles aos medios o obxectivo ineludible da paridade e conmínaos a aplicala tamén nas súas estruturas de dirección. A presenza das mulleres como protagonistas das noticias e fontes expertas é tan relevante como a revisión crítica dos estereotipos. Por iso, recordan que é "radicalmente impropio poñer o foco no corpo das mulleres, hipersexualizalas ou presentalas como vítimas ou suxeitos pasivos sen voz". Así mesmo, cómpre rematar coas diferenzas salariais e contractuais que manteñen as xornalistas nunha posición laboral máis feble e precarizada que os seus compañeiros.
Dende o Colexio de Xornalistas contan este ano coa especial visión dos humoristas gráficos sobre todos estes problemas. Agradecen tamén a especial colaboración de Iria Fafián, Sesé Mosquera, Luís Davila ‘O Bichero’, Ana Moreiras, Xosé Lois González ‘O Carrabouxo’, Kiko da Silva, Ruth Caramés e Xaquín Marín. "Como adoita acontecer, as súas propostas creativas e os seus editoriais parten dunha posición de lucidez que hai que tomar sempre moi en serio", argumentan.
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas agarda que os sorrisos que provoquen estas viñetas sexan un revulsivo definitivo para o cambio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.