Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020 | Actualizada ás 17:06
A Consellería de Sanidade informou de que o laboratorio de Majadahonda confirmou cinco novos casos positivos a infección por coronavirus en Galicia, co que se elevan a 18 os afectados.
Só unhas horas despois de que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informase en rolda de prensa de que os casos de coronavirus confirmados, que eran 6 o domingo, ascendían xa a 13, materializáronse outro cinco confirmacións, todas elas na área da Coruña.
Con iso, os afectados por este virus en Galicia ascenden xa a 18, dos que 13 están na área da Coruña, catro na de Vigo e un na de Ourense. A maiores, quedan algúns casos pendentes do resultado do laboratorio madrileño.
Destes cinco novos casos, catro manteñen un vínculo epidemiolóxico co foco relacionado co centro cívico de Feáns, pechado preventivamente desde este luns. En total, deste foco derivan 11 casos na cidade herculina, un deles un home de 81 anos que se atopa grave na UCI.
A maiores, A Coruña rexistra un novo caso non relacionado con este foco, pero que é "importado", confirmou Sanidade, do mesmo xeito que o primeiro do que se tivo noticia en Galicia, un home de 49 anos que se desprazou desde Madrid á Coruña a unha entrevista de traballo.
OUTROS CASOS
Pola súa banda, o caso confirmado en Ourense é o dunha profesora do centro dos Salesianos Colexio María Auxiliadora, que viaxou recentemente a Venecia.
A muller, que se atopa con síntomas leves, estivo en "certo illamento social" nos días previos, consciente de que podería contraer o virus, e non presentou síntomas mentres estaba no centro escolar, polo que consideran que o seu risco de contaxio é baixo.
Os outros catro casos, todos da área de Vigo, están relacionados cunha parella de 43 e 47 anos, residente en Moaña, que viaxara recentemente a Madrid, o fillo dela, de 15 anos, e outro familiar. Só o home permanece ingresado na UCI do Álvaro Cunqueiro por pneumonía.
A maior parte destes confirmados, explicou Sanidade, presenta síntomas leves e están illados nos seus domicilios. Activouse un protocolo de seguimento para os seus contactos, a fin de determinar se desenvolven síntomas da enfermidade.
FOCO DA CORUÑA
Tras a investigación de contactos realizada estes días, Sanidade confirmou que sete dos oito pacientes infectados por coronavirus na área da Coruña "teñen relación" cun mesmo centro cívico da cidade, o de Feáns, que foi pechado de forma preventiva.
Aínda que inicialmente se consideroiu que estes novos casos na Coruña —que se suman ao primeiro positivo en Galicia, o dun home procedente de Madrid— se orixinaron en "dous focos", explicou Hervada, finalmente a investigación atopou un punto común entre todos eles, a súa relación co centro cívico de Feáns. Este centro tamén ten relación con casos que aínda están pendentes de confirmación definitiva.
Por iso, Saúde Pública recomendou o peche "cautelar" deste centro, a primeira clausura en Galicia a causa do coronavirus, que foi efectuado polo Concello da Coruña este luns. As instalacións permanecerán pechadas durante polo menos 14 días.
De forma paralela, continúanse as investigacións para completar a identificación de todos os "posibles contactos" que estivesen no centro, así como para determinar cal foi a orixe do brote e "como puido" chegar ata aí o Covid-19, ben a través dos casos xa identificados ou de "algunha persoa nova". En todo caso, Sanidade confirmou que non se farán probas a todos os que estivesen alí, se non unicamente a aquelas persoas que desenvolvan síntomas, como marca o protocolo.
UN CENTRO MUNICIPAL
O centro cívico de Feáns é de titularidade municipal e nel prográmanse diversas actividades, ademais de servir tamén para o desenvolvemento doutras vinculadas con iniciativas veciñais.
Tras ter constancia de casos positivos e en estudo vinculados ao centro, púxose en marcha o protocolo, identificando as persoas que puideron estar en contacto cos afectados e procedendo ao seu clausura temporal.
"Son bastantes", explicaron fontes relacionada co centro, en referencia a este número de persoas, dado o uso que se fai das instalacións do centro cívico para distintas actividades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.