Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/03/2020 | Actualizada ás 21:48
As políticas de contención contra o COVID-19 ou coronavirus están sendo observadas con cautela por parte de colectivos sanitarios, desde os celadores aos médicos, pasando polos equipos de enfermaría e aqueles que teñan relación con centros de saúde. Sobre este punto, as alarmas saltaron entre os equipos sanitarios que consideran a súa exposición de risco para a súa saúde mentres non teñan equipos axeitados.
Javier Martínez, de UGT Sanidade, sinala que os efectos do COVID-19 non son tan graves como anteriores infeccións. “O persoal sanitario é consciente que estamos diante dunha epidemia, posiblemente diante dunha pandemia porque se está estendendo por todo o mundo”. Martínez sinala a falta de preparación para esta doenza, pois a súa expansión foi moi rápida. Á parte disto, as autoridades aínda non clarificaron moito sobre a orixe da mesma.
En Galicia, Martínez apunta que non se tomaron medidas de maneira preventiva. “Aplicáronse cando xa había casos en Galicia e que pasaran desapercibidos, estaban vendo o que ocorría noutras comunidades, tiñamos que ter actuado antes”.
Sobre como afecta esta epidemia ao persoal sanitario, Martínez remarca que o persoal sanitario “somos o que temos que ser, fríos e non alarmistas, e podemos dicir que controlamos a situación sempre que a administración colabore como ten que colaborar”. De momento, o SERGAS está recompilando material para o persoal sanitario, dan protocolos de educación sanitaria para centros e domicilios.
PÁNICO INNECESARIO
As alarmas relacionadas co coronavirus ou COVID-19, poden crear situacións de pánico innecesarias. Por outra parte, as reivindicacións de sectores sanitarios para teren maior protección crean escepticismo entre algunhas seccións sindicais, aínda que se recoñece estar nestes momentos recollendo material. A isto tamén suman a actuación lenta da administración galega, por considerar que esperou ata que xa saltaron os primeiros casos. De momento a recomendación dos profesionais ante as sospeitas de padecer o coronavirus é ir ao médico de cabeceira, non ao hospital por urxencias.
Entre o colectivo sanitario tamén hai diferencias sobre o grao de exposición a esta nova enfermidade. As redes sociais foron o lugar onde se manifestou malestar entre o colectivo de celadores e celadoras por entender que non os consideraban persoal de alto risco. Non obstante, tanto este colectivo como outros sectores sanitarios coinciden en que non se debe aumentar a alarma social entre a cidadanía.
DISCRIMINACIÓN DE PERSOAL SANITARIO?
O pasado venres día seis de marzo, subíanse á web da Consellería de Sanidade os protocolos de actuación para persoal sanitario en caso de ter que tratar directamente con persoas infectadas de coronavirus. As redes sociais comezaron a recibir opinións e entre esas opinións figuraba a percepción de que celadores e celadoras non eran considerados como persoal de risco, senón como persoal de baixo risco. “Unha cousa é o que diga o SERGAS e outra o que pediremos por xogármonos a vida” di Ángel Bergueiro da Asociación de Celadores Galegos (AGACIS).
A pregunta de se se está discriminando ao sector dos celadores, Bergueiro contesta que “non sei se nos están discriminando ou se é o que eles (SERGAS) consideran correcto aínda que os demais non o vexamos así”. A explicación de Bergueiro é que ante un virus altamente contaxioso como o COVID-19, non se pode usar un material calquera. “Eles o que queren é que usemos unha máscara cirúrxica, cando ás veces estamos a menos dun metro do doente”.
Aínda que desde AGACIS saben que así son as normas do SERGAS, e mostran así o seu desacordo con ellas, sinalan que a protección para o colectivo de celadores non é o mesmo que para enfermaría. Con todo, sinalan que buscan coller este tema con coidado porque “queremos adiantarnos ao tema, que nos protexan igual cando comece a haber casos” en referencia ao Centro Hospitalario Universitario de Santiago, onde, ata o de agora, non se rexistrou ningún caso.
Sobre o CHUAC da Coruña como o Álvaro Cunqueiro de Vigo e o CHOU de Ourense, desde AGACIS comunican que non se teñen noticias de como os celadores e celadoras están tratando aos doentes con coronavirus. “Queremos unhas máscaras FP2, que son as máis seguras, como o resto de persoal” di Bergueiro. “Por que nos consideran de Baixo Risco? Non sei, habería que preguntarlle ao servizo de Preventiva”. O voceiro de AGACIS insiste en que o seu colectivo si está en contacto a menos dun mentro dos doentes, en situacións como bañalos ou axudándolle a moverse
OLLO COAS REDES SOCIAIS
“Estamos sempre coa mesma liada, parece que algúns profesionais entenden que son menos importantes que outros, non se trata diso” di Emilia Lamas de CCOO Sanidade. Segundo Lamas, cos protocolos do SERGAS, o que se intenta é describir que escenarios de risco ten cada categoría profesional.
As fontes consultadas por Galicia Confidencial, á parte da asociación de celadores, non negan en absoluto que este colectivo non traballe en contacto cos doentes. Desde CCOO sinalan que se poden dar dous escenarios posibles, unha persoa en urxencias que chegue ao mostrador e diga “teño estes síntomas”. O segundo escenario sería que unha persoa chegue polo 061 xa con sospeitas e este doente posiblemente xa estea diagnosticado. Sendo ese o caso, o persoal “xa pon as medidas de protección que precisa, xa sería persoal de baixo risco”.
Que sucedería se o doente non di ou non sabe que lle pasa? “Quen o atenderá primeiro?, pois médico e enfermaría”. O nivel de risco márcao a exposición do traballador ou traballadora antes de poñer as medidas. “Os celadores e celadoras están en contacto cos doentes, mais xa se poñen as medidas necesarias” di Emilia Lamas.
Lamas insiste que “os celadores non entran en cuartos con doentes illados, só se trasladan unha cama”. Sobre as denuncias ante a falta de protección dalgúns colectivos sanitarias, Lamas declara que “eu tamén o lin polas redes sociais, porque cando se subiron as medidas da consellería á súa web, comezaron a aparecer comentarios”. En tal caso, insiste en que non hai unha falta de consideración cara un sector ou outro dentro da sanidade pública.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.