Sorprendeu Presidente da Xunta cun lanzamento de campaña (“Galicia é Moito”) que amosa unha vez máis a vixencia do que Barreiro chama “galeguismo de oportunidade” malia que a Galicia de hoxe pouco teña xa que ver coa que daquela herdou Fraga hai máis de trinta anos. Por moito que todo semelle obra dun gabinete de comunicación de Madrid ao que lle pediron que fixera “algo gallego” e saíronlle cunha iconografía ao estilo Sargadelos. Pero que non deixa de ser a apropiación do universo simbólico do nacionalismo, como se Rosalía a nova fixese o propio de Rosalía a Nosa. E por moito que noutras latitudes do PP Europeo o uso de símbolos coma os trísqueles se vencellarían co esoterismo de Himler. Nada hai de malo que se asuman transversalmente ideas e imaxes, diso se trata o capital colectivo dunha sociedade, e por moi utilitarista que tal escolla ten sido. O “demos” galego existe e Feijóo usa resortes probados para mobilizalo.
E que fai a posible alternativa? Aparte de amosar que nin planificaron repartirse os roles respectivos na campaña non semella que vaian plantexar na campaña como gobernarían en tripartito. Sacaron iso si, o BNG unha proposta de vivenda sen amosar estudo de custes algún (ata Podemos, alomenos no seu primeiro programa para as Xerais, dixo ter feito unha memoria económica). O PSdG parece que vai querer copiar o modelo das Terras Altas de Escocia para paliar o despoboamento sen decatarse de que falan dun exemplo esgotado e unha zona que, alén do brillo de certas estatísticas parciais está a padecer máis ca Galicia.
En definitiva, nesta época do postmodernismo líquido a campaña vaise centrar no superficial e sobre todo no emocional. Non só é o que toca nos tempos do inmediato que vivimos; é tamén o máis rendible e eficaz a curto prazo. Facer un chío, un slogan ou un abrazo é económico. Supón por outra parte, seguir degradando a calidade da vida política dunha autonomía xa de por si degradada pola incomparecencia dos actores políticos e a indolencia da poboación.
Estaría ben, por tanto, falar dos feitos da Galicia real. Como hai pouca esperanza que os nosos candidatos se saian dos lugares comúns respectivos, velaquí uns cantos datos reais e pouco discutibles, emitidos polas instancias internacionais.
Con 24700 euros de renda per cápita, similar á de Eslovenia ou o de Rumania según se mida, Galicia é hoxendía a 75 economía mundial, ao mesmo nivel que Croacia e Costa Rica, países co dobre de poboación. Iso si, hai quince anos estaba vinte postos máis arriba e pesaba tanto coma toda a economía de Marrocos, hoxendía case o dobre de grande. Portugal, que ten tres veces máis poboación, é unha economía catro veces maior. Por moito, como apunta of Foro Económico de Galicia, a recuperación trala crise e a converxencia coa media española foi comparativamente moi boa pesamos apenas o 5.2% do PIB estatal, e grazas á crise pasamos a estar por debaixo do 90% da media Europea, polo que en 2021-2027 voltaremos a ser “rexión de transición” e recibiremos, alomenos, o 64% dos fondos actuais. Por iso non é de recibo que o programa Operativo Galicia 2021-2027 se redacte pola Xunta a porta pechada e sen que sexa aprobado por e o seu seguimento feito polo Parlamento Galego, malia ser o principal documento de política económica e investimento de Galicia por un período de 7 anos e case dúas lexislaturas consecutivas: o bipartito botou dous anos corrixindo os erros do programa operativo 2007-2013 que se elaborara no final na era Fraga.
Mais cousas. A nova Directiva de Residuos da UE aprobada en 2018 establece que, todos os membros da UE deberán reciclar polo menos o 55% dos residuos municipais ata o 2025 En Galicia nin sequera chega ao 20%. En banda longa ADSL a taxa de cobertura a máis de 10 megas é de 52% cando a media española é xa do 70%. Galicia está na parte media baixa nos indicadores de innovación europeos a nivel rexional, así coma nos índices da UE de competitividade rexional. A OCDE ponos na mesma liga ca Sicilia ou o Oeste de Irlanda, comparacións por outra parte acaídas en moitos máis sentidos cós dos fríos números. Destacamos con eses territorios na calidade de vida e capital social (as familias, as tradicións, os amiguismos) pero malia iso e pola falta de servizos e oportunidades non pasamos da metade da táboa no Índice de Progreso Social da UE.
O Índice Rexional de Calidade de Goberno, financiado pola Comisión Europea, pon no seu ultimo informe de 2017 a Galicia coma un dos territorios de Europa Occidental onde máis empeorou a calidade do goberno, a transparencia e o bo goberno na ultima década.
Galicia, malia o espellismo do AVE, e por falta dunha política de transporte galega, xa non digamos servizos públicos integrados e intermodais (avión, cercanías que non temos e buses) seguirá a ser un dos territorios con peor conecitividade de Europa. Non é só a dispersión senón as políticas ou falta das mesmas.
Galicia leva perdendo poboación desde os 80, pero desde a crise esta tendencia acelerouse con un -1% na costa a un -2% no interior de descenso anual, cifras próximas ó colapso que a caída do muro e a integración na UE están a supor na Europa do Leste. En moitos concellos haberá a metade da poboación en vinte anos, noutos en cincuenta pero en conxunto imos perder nada menos que toda a provincia Ourense ou a cidade de Vigo (300,000 persoas) no ano 2050. Todo datos de Eurostat.
Non falamos aquí da rápida desaparición de galegofalantes, ou doutras variables que non por hipotéticas necesariamente hai que planificar se se é goberno como que para esa altura recibamos miles de “refuxiados climáticos” do Sur de España e do Sur Global dado o empeoramento das condicións de vida nesas latitudes. Como tamén cómpre prepararse para un clima máis árido e paradoxicamente con maiores tempestades e inundacións. Ou a xestión do abandonado patrimonio forestal e comunal, do que seremos herdeiros pola forza.
Nada disto se falará na campaña, por suposto. Nin os programas electorais serán examinados por entidades independentes como o consorcio económico holandés que existe a eses efectos ou o equivalente británico da AIREF. A realidade incomoda. Fraga pediu a un grupo de académicos un informe “Galicia 2010” que visto o realismo do cadro que pintaba, e no que agora vivimos, o Presidente mandou enterrar nun caixón e que só se publicou polo voluntarismo dos seus promotores.
Cómpre un informe Galicia 2020 de verdade. Porque, como dixo en 1921 o lexendario editor do “the Guardian” CP Scott, “a opinión é libre, pero os feitos son sagrados”.