Galicia rexistrou case 6.000 demandas de ruptura matrimonial o ano pasado

Crece o número de divorcios non consensuados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) mantívose practicamente estable en 2019 en Galicia con respecto ao ano anterior, con case 6.000 presentadas ante os xulgados da Comunidade.

Segundo os datos feitos públicos este mércores polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), o ano pasado presentáronse en Galicia 5.920 demandas de ruptura matrimonial, un 1% menos que no período anterior, cando se contabilizaron 5.981.

En concreto, os divorcios consensuados pasaron de 3.352 no ano 2018 a 3.184, o que supón un descenso do 5%, mentres que o non consensuados creceron un 4,4%, ata os 2.516. Neste último caso, é o primeiro crecemento que experimentan desde 2014.

Por outra banda, as separacións de mutuo acordo ascenderon a 156, un 2,6% máis que en 2018, e as contenciosas diminuíron un 3%, ata 64. En Galicia, en 2019, interpuxéronse dúas peticións de nulidade matrimonial, unha menos que o exercicio anterior.

Se se pon en relación estas demandas coa poboación a 1 de xaneiro de 2019, Galicia sitúase en 21,9 peticións por cada 10.000 habitantes, por baixo da media estatal, que é de 23,3.

Evolución dos datos de divorcios e separacións en Galicia.
Evolución dos datos de divorcios e separacións en Galicia. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta