'OnzaLab', a empresa galega que crece grazas aos dentes de ouro

Os 'grillz' é a nova corrente estética impulsada polos artistas máis famosos.

Por Raúl Novoa | Santiago de Compostela | 06/05/2020 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

As modas sempre volven. É o caso dos 'grillz', os dentes de ouro que se puñan os rapeiros nos anos 90 a modo estético e chulesco. Estas pezas, puxéronse de novo de moda con toda a nova onda da música urbana nada no 2015. O seu auxe chegou no 2019, cando artistas de renome internacional coma Travis Scott, J Balvin ou a catalana Rosalía usaban estas pezas.

Tomás Alonso, 'Towi', cun 'grillz' feito por elest
Tomás Alonso, 'Towi', cun 'grillz' feito por elest

A odontóloga Paula Prieto e o protésico dental, Tomás Alonso Cruz (alias 'Towi') viron un nicho de mercado. Ambos da Coruña e despois dunha etapa en Barcelona, decidiron crear 'Onza Lab'. Agora instaurados en Vigo, recoñecen ter un mercado máis amplio que o que había nos 90. "Inspirados por Paul Wall e fans da estética 'OG' do rap decatámonos de que podíamolo facer", sinala 'Towi' nesta entrevista.

Galicia Confidencial: Como naceu a idea de facer os 'grillz'?

Tomás 'Towi': A cousa empezou porque a miña moza é odontóloga e eu protésico dental. Era o combo perfecto para este traballo, a parte oral a súa e a técnica a miña. Fixenme unha peza para min 'destrangis' no curro. Era porque no 2017 unhas amigas miñas facían unha festa con temática hip-hop. Púxenme un 'durrack' (media que se poñen na cabeza os 'rapers'), a ropa máis ancha que tiña e os 'grillz' de cromo-cobalto. A xente flipou porque nunca os vira. Fun o MVP desa festa. 

Despois, houbo quen me dixo "isto gústame, quero un de ouro" e así comezou esta andaina. Busquei a alguén que me fundise o oro e abrín a conta de Instagram. Aí empezou a chegar a xente e tivemos bastante impacto. 

G.C: Só o facedes en ouro?

T.: Sí. É por mantenelo na sección de xoiería. En prata non se pode facer, porque se oxida e é perigoso levalo á boca.

G.C: Esta moda leva uns 30 anos vixente. Vós en quen vos inspirachedes para facelo?

T.: Hai unhas xoierías en New York, 'Trax NYC' e outra dun vietnamita en NY tamén, Jonny Dang. 

G.C: Vin que facedes pezas con diamentes. É hixiénico levalo na boca?

T.: As nosas pezas son de quita e pon. Hai que ter claro que é máis un complemento de xoiería que un tratamento dental. Polo tanto, para levalo hai que ter a boca saudable. Non cumpre as mesmas funcións que unha prótese feita nun laboratorio dental. 

Nós damos unha serie de recomendacións, coma non levalos a todas horas, xa que che te pode dar problemas na mordedura. Eu sempre o comparo con levar tacóns. É dicir, ningún podólogo vaiche a recomendar levar tacóns, pero a xente os pon por motivos estéticos.

G.C: Que tipo de xente demandas estas pezas?

T.: De todo. Si que me sorprendeu que lles gustan moito aos tatuadores. Penso que é porque eles non teñen que ter unha estética socialmente aceptada. O 'boom' tamén chegou cando os puxo xente coma Rosalía, artistas de trap, xente da moda, entre outros.

G.C: E en canto aos famosos que che pedisen 'grillz'?

T.: Os primeiros, aos que lles teño un especial agarimo, foron os rapaces de Damage Squad, de Barcelona. Neles estaban Lil Moss, Enry-k e Mishi. Lil Moss fixérase 8 abaixo e 6 arriba. Tamén lle fixemos a Sticky M.A, Royce Rolo ou Aleesha.

G.C: Que foi o máis esaxerado que che pediron?

T.: Hai xente que se fai do tirón 6 e 6. Logo, xente coma Mishi que se fixo a M de Mc Donald's ou unha diseñadora de moda que se puxo "simun" nos dentes de abaixo. Hai quen se empeza a animar coas pezas incrustadas e cos grabados, tamén pezas para as diastemas entre os dentes. Penso que no que podemos, estamos innovando en certos aspectos desta moda. A min sempre me gusta facer cousas novas e esaxeradas.

G.C: Entre canto oscila o seu prezo?

T.: O mínimo, que sería un dente e tendo en conta que traballamos con ouro de 18 quilates, é de 225 euros. O que máis vendemos son dous dentes, porque é máis económico e o par de dentes suxeitase mellor. Neste último caso o prezo é de 325 euros.

G.C: Como é o proceso para facer as pezas?

T.: Primeiro contactan con nós. Logo, quedamos con eles e facemoslle o molde. Moitas das entregas que temos son mediante envíos, xa que empezamos en Barcelona e eu alí teño moitos máis contactos. Ademais, penso que alí se leva moito máis que en Galicia.

G.C: Sodes pioneiros en Galicia?

T.: Aquí sí. No conxunto do Estado, en 2017, saimos coma 3 ou 4 que somos referentes. Ademais, antes de todos nós había un rapaz en Madrid, pero cunha movida máis orientada ao rap máis clásico.

G.C: Hai un auxe nos 'grillz'?

T.: Sí, desde que saiu esta oleada que che comentei. Antes o estilo era moi 'underground'. Penso que era un nicho moi pouco explotado e nós agora mesmo vivimos bastante grazas a isto. Non somos ricos, pero é un proxecto persoal. Espero que sexa coma as tatuaxes, que viñeron para quedarse.

G.C: Tes unha conta de Instagram bastante coidada. Como de importante é traballar as redes sociais no mercado?

T.: Sempre me felicitaron pola conta polas fotos dos productos e pola imaxe. Houbo quen me dixo que ata parecía unha gran marca, pero iso fíxome pensar. Non quero transmitir a idea de que somos unha gran industria. Nós somos unha empresa pequena e damos un trato persoal. Iso é o que quero reflectir nas redes. Tiven que ensinar un pouco a cara e personalizala.

G.C: Novos proxectos de 'OnzaLab'?

T.: Desde fai uns meses estamos facendo todo tipo de xoiería personalizada. Aneis, deseños 3D, cadeas, etc. Tamén queremos seguir impulsando novos deseños de 'grillz'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta