Denuncian que concellos galegos están pechando mercados de alimentos de proximidade malia ser un "servizo esencial"

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galego (Fruga) urxen a Xunta e Goberno central a que ordenen que se manteñan abertos para abastecer a poboación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2020 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galego (Fruga) fan un chamamento aos gobernos municipais de Galicia para que non pechen os mercados de alimentos de proximidade que se desenvolvan nos seus respectivos concellos, xa que "se trata dunha actividade económica fundamental para todas aquelas familias labregas que optaron pola venda directa para comercializar as súas producións, asi como para as persoas consumidoras habituais".

Mercado Ecolóxico A Coruña.
Mercado Ecolóxico A Coruña.

"Queremos lembrar, neste senso, que a compravenda de alimentos está protexida dentro da actual situación de emerxencia sanitaria, permitíndose os desprazamentos a centros comerciais para a súa adquisición, mesmo con total liberdade horaria, tal e como reflexa o artigo 7 do Real Decreto 463/2020", sinalan ambas as dúas organizacións.

O SLG e a Fruga lembran que estes mercados de proximidade que se celebran periodicamente en Galicia non entran nos casos que a norma obriga a pechar. Ademais,  entenden que á luz da circular publicada pola Comisión Europea 'COVID 19. Directrices para medidas de xestión fronteiriza para protexer a saúde e garantir a dispoñibilidade de bens e servizos esenciais', "a circulación de alimentos debería quedar protexida e blindada na actual crise". 

Estas organizacións advirten de que denuncirán a todos os concellos que ditaminen o peche de mercados de alimentos locais, xa que "estarán a incorrer nunha interpretación excesivamente restritiva das prohibicións sanitarias dirixidas a conter a pandemia do COVID-19", algo que consideran "contraproducente".

"Teñamos en conta que, agora mesmo, a garantía de fornecer alimentos á poboación estase baseando na apertura de establecementos comerciais pechados, onde se están a dar grandes aglomeracións, e onde normalmente os consumidores e consumidoras poden manter contacto manual ilimitado cos produtos que están á venda. Pola contra, os mercados locais de alimentos son ao aire libre, non padecen aglomeracións e os produtos que se venden non pasaron polas mans nin de intermediarios nin doutros consumidores e consumidoras, polo que ofrecen maiores garantías sanitarias cós adquiridos en grandes superficies comerciais", defenden.

Recordan, ademais, que "na súa maioría, adoitan a ser de cultivo ecolóxico e frescos e, polo tanto, de maior calidade e máis sans".

O SLG e a Fruga cren que algúns concellos están a facer unha "interpretación retorta" das restricións e prohibición de actividades para conter a pandemia do coronavirus, e coinsideran que "non só poderían estar a empeorar a situación, senón que estarían beneficiando as grandes superficies comerciais e castigando inxustamente os veciños e veciñas que venden e consomen alimentos de proximidade".

Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego e a Federación Rural Galega instan a Xunta de Galicia e a Delegación do Goberno a ditar as instrucións necesarias para que as autoridades municipais manteñan abertos os seus mercados de alimentos de proximidade de cara a garantir o fornecemento dun ben esencial para a cidadanía, tal e como recomendan as autoridades comunitarias, asesorando aos labregos e labregas que venden nas recomendacións das autoridades sanitarias para evitar a transmisión do coronavirus e contaxios no exercicio do seu traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta