O concello onde mercar unha vivenda sae máis caro está na provincia de Pontevedra, pero non é Vigo

A decadencia inmobiliaria de Ferrol: custa máis unha vivenda en Ames, Arteixo, Boiro, Brión, Fisterra ou Ribeira. O GC analiza os datos do último informe sobre prezos da vivenda de Idealista, con datos correspondentes ao mes de novembro.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/12/2024 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

O mercado inmobiliario galego, ao igual que no resto de España, está a sufrir unha subida de prezos continua desde a pandemia que fai que os alugueres se volvan cada vez máis inaccesibles e que a compra dunha vivenda xa sexa algo prohibitivo mesmo nos concellos pequenos e do rural. Os expertos xa falan dunha nova burbulla inmobiliaria que, ao igual que aconteceu no 2008, en calquera intre podería rebentar. Dende o Galicia Confidencial realizamos unha análise detallada do último informe do portal inmobiliario web Idealista sobre os prezos da vivenda correspondentes a novembro deste 2024, que nos amosa a realidade actual: unha crise de vivenda que se vai estendendo dende as cidades e vilas máis grandes cara os pequenos municipios, e que é máis acusada naquelas zonas que son un gran reclamo para o turismo en certas épocas do ano e menos notable nas provincias do interior. Hai que ter en conta que neste informe non se recollen datos de todos os concellos galegos, senón unicamente de 102, polo que hai municipios que non están contemplados no listado e dos que non poderemos falar.

Imaxe dunha inmobiliaria galega
Imaxe dunha inmobiliaria galega | Fonte: Arquivo

No tocante ao prezo por metro cadrado dunha vivenda en venda, o que máis chama a atención, de primeiras, é o feito de que as casas máis caras do mercado actual galego non se atopan en ningunhas das sete grandes cidades, senón en Sanxenxo, un concello de 17.854 habitantes que durante os veráns triplica e mesmo cuadriplica a súa poboación, sendo a localidade turística por excelencia de Galicia. Nel o metro cadrado atópase valorado actualmente en 2.661 euros, o que supón que mercar un piso de 90 metros cadrados custaría 239.490 euros. O seguinte concello co prezo por metro cadrado máis elevado si que xa se trataría dunha cidade: A Coruña, onde este ten un custo de 2.603 euros, de maneira que ese mesmo piso de Sanxenxo custaría na cidade herculina 234.270 euros. O terceiro posto tampouco traería sorpresas, pois sería para a primeira gran cidade galega por número de habitantes: Vigo, onde o metro cadrado custa hoxe por hoxe 2.286 euros, o que deixaría un piso de 90 metros cadrados na cidade olívica nos 205.740 euros. O 'top 5' completaríano Nigrán (2.224 euros o metro cadrado) e Oleiros (2.078 euros o metro cadrado). Mentres que no 'top 10' entrarían tamén o concello de Baiona (2.078 euros), as cidades de Santiago de Compostela (2.022 euros) e Pontevedra (2.010 euros), o municipio do Grove (1.981 euros) e Cangas (1.844 euros).

Como vemos, todos eles son concellos ubicados fronte á costa atlántica. E, para atopar o primeiro concello das provincias de interior (Lugo e Ourense), habería que remontarse ata o posto 15, no que logra facerse un oco Barreiros, un municipio da mariña lucense que, con tan só 3.020 habitantes, é unha vila moi turística e demandada no verán galego. Alí o metro cadrado custa 1.576 euros, polo que unha vivenda de 90 metros cadrados ascendería ata os 141.840 euros. Pero hai que ter en conta que, aínda pertencendo a unha provincia de interior (Lugo), este lugar atópase situado fronte á costa, neste caso fronte ao Cantábrico. Para atopar un concello do interior galego propiamente dito, xa pasariamos ata o posto 20, onde aparecería a cidade de Ourense, onde unha vivenda ten un custe medio actualmente de 1.493 euros por metro cadrado, de maneira que por 90 metros se pagarían uns 134.370 euros. A cidade de Lugo atoparíase no listado seis postos máis abaixo que Ourense, no número 26, cun prezo por metro cadrado de 1.344 euros, o que supón que por unha vivenda de 90 metros cadrados se pagarían unha media de 120.960 euros. E para atopar Ferrol habería que caer na táboa ata o posto 59, sendo a cidade onde peor se cotizan as vivendas, con diferenza: 941 euros o metro cadrado, o que suporía desembolsar unicamente 84.690 euros por un piso de 90 metros cadrados (case 150.000 euros menos que por unha vivenda das mesmas dimensións na Coruña).

Por outra banda, cómpre tamén destacar o feito de que todos os concellos de interior das provincias de Lugo e Ourense se atopan ao final deste listado, por debaixo do posto 60, e que en todos eles o metro cadrado baixa dos 1.000 euros. O municipio de interior máis caro para mercar unha vivenda sería O Barco de Valdeorras, con 13.277 habitantes, onde o metro cadrado se paga hoxe por hoxe a 917 euros, polo que unha vivenda de 90 metros cadrados poderíase mercar neste municipio por 82.530 euros (pouco menos que en Ferrol). Pola contra, o concello máis barato sería o de Leiro, con só 1.481 habitantes, onde o metro cadrado está actualmente nos 470 euros, o que suporía un custe de 42.300 euros (a metade que no Barco de Valdeorras) por 90 metros cadrados de casa. Ambos os dous pertencen á provincia de Ourense. Así as cousas, cales serían os concellos máis custoso e máis barato do interior da provincia de Lugo? Co título de municipio máis caro do interior lucense atoparíase Outeiro de Rei, con 5.359 habitantes, onde o metro cadrado ten un custe de 907 euros, de maneira que por 90 metros cadrados se pagarían 81.630 euros, de media. Mentres, o posto de máis barato ocuparíao Vilalba, con 13.870 habitantes, onde o metro cadrado se sitúa nos 618 euros, o que suporía que unha vivenda de 90 metros cadrados se podería atopar por 55.620 euros, de media.

Volvendo ás provincias atlánticas (A Coruña e Pontevedra), e tendo falado xa dos concellos máis caros para adquirir unha vivenda en cada unha delas (Sanxenxo, no caso da provincia de Pontevedra, e a propia cidade da Coruña, no caso da da Coruña), cales son os municipios onde sairía máis barato mercar unha casiña ou un piso? Pois no caso da provincia da Coruña, o concello co menor prezo por metro cadrado sería San Sadurniño, con 2.751 habitantes, onde este se cotiza no mercado inmobiliario a só 560 euros, o que suporía que se podería adquirir un piso de 90 metros cadrados nel por uns 50.400 euros (case cinco veces menos do que custa na Coruña cidade e catro veces menos que en Oleiros). Mentres, no caso da provincia de Pontevedra, o concello dos analizados no mes de novembro por Idealista onde menos custa o metro cadrado é en Covelo, con 2.426 habitantes, onde andaría nos 564 euros, polo que eses 90 metros cadrados de vivenda terían un prezo total de 50.760 euros (catro veces menos que en Vigo e case cinco veces menos que en Sanxenxo).

Vista xeral de obras de vivenda nova
Vista xeral de obras de vivenda nova | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

Unha muller diríxese á praia Silgar, a 30 de setembro de 2023, en Sanxenxo
Unha muller diríxese á praia Silgar, a 30 de setembro de 2023, en Sanxenxo | Fonte: Elena Fernández - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta