Por Valentin Carrera | Compostela | 04/11/2012
O modelo, tamén bautizado como open government, é o que segue actualmente Islandia, a democracia máis antiga do mundo, en vigor desde o ano 930. No canto de chamar aos “pais da patria” –outra vez condecorados en España a semana pasada; xa sabemos os pasteleos que producen-, en Islandia convocaron aos cidadáns: de entre cincocentos voluntarios, mediante un proceso aberto en Internet seleccionaron a vintecinco islandeses comúns para redactar a nova constitución. Iso si que é dar a voz ao pobo.
A reforma constitucional retransmítese en directo a través de Internet (¡que medo lles daría aquí aos rajoys e rubalcabas!) desde a web Stjörnlagaráò, onde pode descargarse o proxecto e onde os islandeses poden consultar e debater a diario os novos artigos propostos pola Comisión dos 25, ou aportados por calquera outro cidadán vía Internet para a súa inclusión na nova Carta Magna. Os debates séguense tamén en Facebook e Twitter, mentres que en Youtube publícanse entrevistas cos membros do consello constitucional e Flickr serve como escaparate no que retratar o traballo constituínte [Guillermo San Emeterio, Nación Rede e The Guardian].
A pequena República de Islandia, capital Reykiavik, xa nos ensinou antes o camiño a seguir na crise: foi o primeiro país que meteu aos banqueiros no cárcere e non como aquí, que lles pagamos os pratos rotos e forrámoslles aínda máis os petos con diñeiro público. Tamén Islandia, cun paro do 7% e onde goberna a Esquerda Verde en coalición con socialdemócratas, abandeira a “Iniciativa islandesa Moderna para medios de comunicación” que ampara a liberdade de expresión e o xornalismo de investigación, amedrentado hoxe en Londres, Suíza ou Washington. [Máis información no libro “Islandia, revolución baixo o volcán” de Xavier Moret].
De modo que, cando pasen as eleccións catalás e acaben os foguetes de artificio e as tracas emocionais que se veñen botando mutuamente o nacionalismo catalán e o nacionalismo español, chegará o momento de sentarse civilizadamente e dialogar. Dialogar e abrir un novo período constituínte vía crowsourcing, de alcance limitado, pero profundo, que modifique as partes obsoletas ou directamente franquistas da Constitución actual e aborde os asuntos pendentes, desde a sucesión do Rei, incluíndo o debate monarquía ou república, tantas veces secuestrado aos cidadáns, ao papel da Igrexa Católica ou a desaparición de estruturas decimonónicas como a provincia.
Nunha Constitución democrática cabemos todos; e si non cabemos todos –galegos, vascos, cataláns, gays, ateos, inmigrantes, xitanos, minorías diferentes e disidentes por calquera tipo de condición ou crenza racial, sexual, política, relixiosa- entón non é unha constitución democrática, senón unha lei do funil na que ancha é Castilla. En Twitter: @Tornarratos