Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2020 | Actualizada ás 20:47
O centro de Verín (Ourense) viuse sorprendido na tarde deste domingo por unha tromba bastante forte de auga que provocou algunhas inundacións en locais e vivendas. Por fortuna, non houbo danos persoais.
Segundo estima o alcalde, Gerardo Seoane, en declaracións a Europa Press, puideron chegar a caer 30 litros de choiva nunha hora. Foi un episodio, di, "momentáneo".
As fortes precipitacións provocaron que a auga baixase da montaña cara ao río, seguindo o seu "curso natural", explica o rexedor, polo que tivo que atravesar zonas como a rúa Vicente Risco, a rúa Maior, a rúa Xesús Taboada Chivite e a Avenida de Laza.
Segundo informa, o 112 Galicia comezou a recibir a partir das 17,00 horas as primeiras chamadas de veciños que relataban a situación creada pola choiva. Tras iso, a central de emerxencias avisou aos bombeiros de Verín, aos axentes da Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil. Despois do ballón, equipos de mantemento e da empresa subministradora da auga desprazáronse aos puntos para desatascar os sumidoiros e facilitar a recuperación do estado das rúas.
En palabras do alcalde, a zona afectada adoita sufrir inundacións debido a que "foi edificada hai moitos anos" nunha área que antes era o "curso natural" da auga. "Se non segue mañá a choiva, estará todo ben", prevé Seoane.
"O DILUVIO"
Unha veciña do pobo, Lucía Taboada, relata a Europa Press que sobre as 17,00 horas da tarde deste domingo "empezou o diluvio" e durou "sobre unha hora" e un par de minutos. Na capital da comarca de Monterrei esta treboada sorprendeu á veciñanza que tamén viu "alagada" a Praza García Barbón, un feito "inaudito".
Con todo, a última hora da tarde as rúas recuperaron a normalidade e xa se podía ver o chan. Lucía Taboada explicou que é habitual que iso pase na súa rúa, por exemplo, pero non que suceda "por todo Verín".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.