Os transportistas: "Traballamos ata 14 horas e non atopamos onde xantar ou tomar un café"

"O día a día cambiounos ao 200%", relata Jesús, un camioneiro que traballa para Gadis. Nestes día o sector do transporte emprégase arreo para abastecer a cidadanía de produtos básicos. Aseguran que se atopan "desbordados".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O colectivo dos transportistas son de capital importancia nun contexto de estado de alarma para evitar o desabastecemento de produtos básicos nesta crise do coronavirus. Ao longo deste días véñense enfrontando a varios problemas que dificultan o seu traballo: o peche de restaurantes, as colas en fronteiras, a falta de protocolos de hixiene nos lugares de recollida e entrega, a escaseza de máscaras e luvas...

Un camión pasa o posto fronteirizo de Somport (Huesca) entre España e Francia tras o peche de fronteiras acordado polo Goberno, en Huesca
Un camión pasa o posto fronteirizo de Somport (Huesca) entre España e Francia tras o peche de fronteiras acordado polo Goberno, en Huesca | Fonte: Aragón (España), a 17 de marzo de 2020.. Verónica Lacasa - Europa Press

Dende a Federación Galega de Transportes (Fegatrans) e a Federación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Fetram), que analizan as principais dificultades que afrontan as 800 empresas do sector en Galicia, cunha frota de ao redor de 20.000 camións, levan esixindo durante este tempo de confinamento a apertura de lugares seguros con comedores para os camioneiros. Critican, igualmente, as longas xornadas de traballo ás que fan fronte moitos dos traballadores do sector. "Unha bomba de reloxería na estrada", adverte o presidente de Fetram, Antonio Señarís. "Estamos totalmente esquecidos".

"NON DAMOS FEITO"

Jesús é un camioneiro que traballa para a cadea de supermercados de Gadis. Recoñece que nestes momentos se atopan "desbordados". "Non se dá feito". Agora a demanda comeza a normalizarse, mais volvéronse "tolos" aquela primeira semana en que a necesidade de abastecemento foi constante e abrumadora.

Aínda que parece que as augas volven ao rego, o certo é que os traballadores deste sector seguen facendo longas xornadas laborais para chegar a repartir a mercancía en todos os supermercados. "Se antes traballabamos seis ou sete horas ao día durante seis días á semana, agora estamos en 12, 13, 14 horas diarias... e quitáronnos tamén o descanso do fin de semana", explica Jesús. "Aumentaron a frota pero aínda así non se dá feito".

Débese isto á normativa pola que o Goberno estatal vén de flexibilizar os horarios dos camioneiros co gallo de garantir o abastecemento. Así se establece nunha resolución aprobada pola Dirección Xeral de Transportes Terrestres do Ministerio de Transportes e publicada no BOE este mesmo martes. Nela indícase que os transportistas poden alongar o seu tempo de condución co fin de concluír cunha entrega ou un servizo, no canto de parar e deixalo para a seguinte xornada.

"BOTAMOS DE MENOS AS ÁREAS DE SERVIZO"

"O día a día cambiounos ao 200%", relata Jesús. Outra das problemáticas ás que se enfrontan ao longo das súas xornadas laborais é a falta de áreas de servizo ou restaurantes onde poder parar para descansar ou para xantar. "Botámolo de menos, abren a contagotas, non temos case nin onde tomar o café". De momento, comen "como poden", "a base de bocadillos" ou desviándose cara algunha área de servizo que saben que funciona minimamente.

Sergio e Andrés, outros dous transportistas que percorren todos os días a xeografía galega no seu camión, tamén notan a falta destes servizos. "Non está sendo fácil", conta Sergio, que ademais, veu de ser despedido a raíz da crise do coronavirus por parte de Finsa, empresa coa que andaba na ruta nacional. Agora traballa noutra empresa a nivel galego. No caso de Andrés, empregado para Ence, comenta que nestes días non se separa do seu xel desinfectante na cabina e que fai uso das luvas e máscaras en caso de aglomeracións, medidas de protección que dependen del como autónomo.

Situación tamén moi complexa viven aqueles transportistas que fan os seus percorridos por todo o estado. Para eles, estanse habilitando en certos almacéns duchas portátiles para que poidan asearse. Neste sentido, o BOE deste mércores tamén declara que determinados aloxamentos turísticos deberán estar operativos para aloxar os traballadores que realizan actividades esenciais, como é o caso dos profesionais do transporte de mercadorías. En Galicia, anunciou a Xunta, abrirán un total de 157 espazos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Riolo

Coñecedes algún camioneiro liberado sindical, ou algún político que proveña desa profesión? Pois iso.

4 Madialeva

Fai uns anos deixei o camión polo mesmo que din aquí estes transportistas, aínda que agora nestas datas todo-los motivos están multiplicados. Para min: "Camión nunca máis".

3 Xian do Sil

¿No les invitan a un cafetito en su mansión los marqueses de Galapagar, esos que decían que no eran casta?

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Das pena

2 Gamela

Mentres nos contan contos pola televisión... Están pensando nas facilidades da lei mordaza para seguir multando á cidadanía ! https://elpais.com/espana/2020-03-2... Camiñamos a toda velocidade cara un Estado Policial Autoritario ! Mentras o presidente do goberno repite que vivimos nun Estado Social e Democrático de Dereito os DEREITOS desaparecen das nosas VIDAS ?

1 Gamela

Mentras estes F.D.P. seguen a golpe de Decreto sen sacar siquera o último decreto (o de mañá luns, ou máis exactamente o de dentro dunha hora 00,00) no BOE! Acabo de escoitar á Ministra de Defensa na Sexta dicir que esta situación pode volver a repetirse en Outubro !!! Estes pensan pasar a LEXISLATURA nun permanete Estado de Alarma (Policial) ??? Serían capaces ! Cando os transportistas non dean abasto, chegarán as Cartillas de Racionamento? De verdade que non podo comprender a tranquilidade coa que esta xente está PARALIZANDO AS NOSAS VIDAS !!!