Os extraterrestres ante a IX lexislatura galega

O vindeiro venres 16 constitúese no antigo cuartel militar do Hórreo, hoxe sé da ¿soberanía popular galega?, o novo Parlamento elixido nas urnas o pasado 21 de Outubro. ¿Cales son os retos da IX Lexislatura?

Por Valentin Carrera | Compostela | 15/11/2012

Comparte esta noticia
As súas señorías empezan con mal pé o período 2012-2016 engarzándose nunha cativa disputa sobre os postos na mesa do Parlamento, asunto que importa nadiña aos cidadáns e de escaso interese para o goberno da cámara, dado que o PP en ningún caso renunciará aos tres postos, de cinco, que corresponden á súa maioría absoluta. Farán mal as súas señorías en perder máis dunha reunión nesa disputa e quen o faga amosará o seu alonxamento da realidade.
 
O PSdeG anuncia unha lexislatura centrada na economía: descartado Pachi como cabeza do grupo (¿ou non?), non consigo adiviñar quen será o cerebro da lexislatura. Entre os dezaoito deputados só hai dous economistas, o desgastado e esgotado Abel Losada e Juan Carlos González Santín, 45 anos, Lugo, membro da executiva de Besteiro. Atentos.
 
Entre os líderes de AGE e BNG non se albisca ningunha cordialidade; non lles será cómodo compartir a casa común do nacionalismo, o cal tampouco parece estar no centro das preocupacións cidadás. Máis ben, as súas rifas producen desapego e indiferenza.
 
O PP podería ter a tentación de columpiarse na hamaca da súa ampla maioría “absolutista” e transitar pola lexislatura coma un paseo militar. Amortizados os perdedores na noite electoral, só Beiras e Iolanda Díaz parecen estar en condicións de cambiar ao PP o paso da oca. mais, de confirmárense as previsións, o vehemente Beiras terá en fronte ao deputado máis curtido e templado do PP, Pedro Puy. Ambos portavoces son brillantes e teñen sólida formación e, aínda que lles separan vinte e seis anos de idade, teñen ampla experiencia. Representan as dúas sensibilidades do novo Parlamento e nos próximos catro anos farán que salten á opinión pública debates apaixonantes.
 
Bo é que o Parlamento salte á rúa: mellor sería si, ademais, a lexislatura comeza cunha batería de propostas próximas, urxentes: despoboación, envellecemento, mozos emigrantes, preferentes, desafiúceos, Novacaixagalicia, sector lácteo, industria naval, educación, sanidade… vendo o panorama, diríase que todo está por facer. Incluída a propia democracia.
 
Logo de trinta anos, o novo Parlamento podería facer unha enquisa seria sobre o coñecemento real que a xente ten de quen son e que fan os seus deputados e deputadas. O contacto directo cos cidadáns, baixar do coche oficial e a alfombra vermella, facerse esponxas porosas e escoitar, estar presentes cada día nas oficinas do paro e nos desafiúceos, visitar escolas e hospitais de incógnito, sen propaganda, e comprobar as necesidades, saír á rúa, ¡á rúa, que xa é hora de pasearnos a corpo…! En definitiva, saír dunha vez da nave extraterrestre na que durme moitos inquilinos, novos ou repetidores, do vello cuartel do Hórreo. @Tornarratos
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].