Denuncian a "perversa e nefasta xestión" do Sergas coa "precarización" do persoal sanitario

O sindicato Prosagap considera unha "temeridade" as políticas laborais que mantén o Servizo Galego de Saúde en plena crise polo coronavirus.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/04/2020 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

Prosagap, o sindicato de profesionais da sanidade pública galega, denuncia a "perversa e nefasta xestión que o SERGAS está facendo" na crise causada polo coronavirus "no que respecta ós traballadores e ás traballadoras da sanidade".

Ambulancias en Urxencias dun hospital galego tras trasladar a posibles contaxiados con coronavirus
Ambulancias en Urxencias dun hospital galego tras trasladar a posibles contaxiados con coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez

Desde esta organización consideran que "o SERGAS opta por continuar coas políticas laborais de precarización das nosas condicións de traballo, así como das nosas vidas".

Cren que "a contratación tal e como se está a facer non é só un despropósito en termos laborais e humanos", senón tamén "un enorme perigo para oconxunto da poboación", xa que "a falta de traballos fixos obriga a unha maior mobilidade e, con ela, a un maior risco de transmisión" do coronavirus, argúen.

Tamén entenden que "se complica enormemente o labor dos e das profesionais contra a pandemia, ao dificultar a comunicación entre eles e impedir a estabilización dunha rutina clara de traballo".

"Se ate o día de hoxe esta práctica era un verdadeiro abuso contra os profesionais da sanidade en Galicia, nunha situación de pandemia global vólvese un despropósito e unha temeridade", afirman.

O sindicato di que por "aforrar salarios", o Sergas está a "poñer en risco" as vidas dos sanitarios e do conxunto da poboación.

É por isto que esixe que "de xeito inmediato se rectifique o sistema de contratación e se proceda a ofertar a contratación precisa para as necesidades surxidas a consecuencia da COVID-19 ata o 30 de xuño como mínimo".

Así mesmo, consideran que antes recurrir as medidas extraordinarias de contratación prevista e de desprazamento de persoal entre unidades é necesario garantir a ocupación a xornada completa de todo o persoal temporal dispoñible en listas de selección.

"Non podemos deixar de insistir en que é extremadamente urxente garantir a protección dos coidadores que loitan contra a COVID-19. Polo tanto, seguimos a reclamar a dotación dos adecuados materiais de protección individual que nos permitan realizar o noso traballo de xeito seguro tanto para nós como para os pacientes. Somos conscientes da excepcionalidade da situación, pero iso non xustifica que se nos poña ó frente sen a protección axeitada. É necesario, hoxe máis que nunca, unha política de emprego que protexa e facilite a labor dos traballadores e traballadoras da sanidade pública. Só con persoal estable e dotado dos medios de prevención necesarios , se pode frear esta pandemia, e non podemos seguir coidando e controlando a COVID-19 se logo a administración nos convirte en enfermos ou en vectores de transmisión do mesmo", alertan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta