Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2020 | Actualizada ás 21:35
O ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, asegurou este martes que se está investigando para comprobar se é certo que o expresidente do Goberno Mariano Rajoy salta o confinamento para facer exercicio.
Así o afirmou ao ser preguntado, durante unha rolda de prensa en Moncloa, por unha información e unhas imaxes publicadas hoxe pola Sexta nas que se ve ao ex xefe do Executivo en plena rúa vestido con roupa deportiva, un pantalón negro de chándal e un chubasqueiro nas inmediacións do seu domicilio en Madrid.
Así, sobre a presunta vulneración do confinamento de Mariano Rajoy, Marlaska precisou que "se están realizando as investigacións oportunas para comprobar ese extremo". O ministro defendeu que nun Estado de dereito o principio de legalidade é o elemento e o alicerce base.
Por iso, deixou claro que a norma se aplicará nos termos en que deba aplicarse en caso de acreditarse que Rajoy se saltou a norma. "O nome non determina unha aplicación ou outra da mesma", remachou.
O propio Rajoy recoñeceu publicamente en moitas ocasións a súa afección pola marcha e por camiñar rápido. Pero o decreto que regula o confinamento pola pandemia do coronavirus non permite facer deporte e só se pode saír á rúa para facer a compra, pasear o can, ir ao centro sanitario ou acudir ao traballo se figura entre as actividades permitidas. As multas establecidas por cometer sancións leves oscilan entre os 100 e os 600 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.