Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/04/2020 | Actualizada ás 21:00
O Goberno galego anunciou que destinará 3,4 millóns para mercar 700.000 máscaras entre cirúrxicas e non cirúrxicas, 80.000 litros de líquido desinfectante e 66.500 test rápidos de dobre banda. Con todo, negou que haxa hospitais con problemas de subministro de materiais como denunciou o sindicato de enfermaría Prosagap.
“Os hospitais galegos teñen máscaras. Pode haber algún rotura de stock en máscara de maior nivel, pero entendo que iso se repón ás horas ou medias horas e nos hospitais estamos servindo o que nos piden”, foi a resposta que deu o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo tras ser preguntado por este medio.
Unha das dirixentes de Prosagap, Eli Dosil, denunciou nunha entrevista a este medio, que hai compañeiros de determinadas áreas hospitalarias que teñen que utilizar as mesmas luvas e guantes durante toda a súa quenda de traballo. “Mándanos a unha guerra sen material”, denunciou sobre a súa loita contra o COVID-19.
“Pois temos material suficiente para servir o que cada hospital nos pide en función dos protocolos que nos piden”, apuntou Feijóo. “E non temos constancia de que se estea producindo desabastecemento. Ao contrario, cada día os hospitais teñen máis medios”, dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.