Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 12:10
Un 61% do profesorado galego afirma ter problemas para conectar co seu alumnado e a práctica totalidade suspende a actuación da Consellería de Educación fronte á crise derivada da pandemia do coronavirus.
Así se desprende dunha enquisa realizada pola CIG-Ensino entre o día 11 e o 16 de abril e que, segundo destacou o sindicato nacionalista nun comunicado, contou coa participación de 6.352 docentes.
En concreto, o estudo detalla que só un escaso 20% do persoal docente afirma que pode interactuar sen problemas co alumnado. A maioría (61%) di que pode comunicarse con limitacións, principalmente con orixe nos estudantes (o 82% dos que teñen limitacións).
A CIG avisa de que, como era previsible, existe unha maior afectación derivada de vivir no ámbito rural, xa que respecto ao alumnado que habita en cidades e pobos medios, hai unha diferenza de dez puntos porcentuais (45% fronte a 34 ou 35%).
Pero, sen dúbida, o dato máis contundente, para a CIG, é que no 25% das aulas do profesorado que contestou o cuestionario a participación é inferior ao 30%. Fronte a este dato, só un 10% das clases rexistran unha participación maior do 90%.
"Se facemos unha analoxía da situación da teleformación cun centro escolar ordinario, a metade das aulas terían importantes ausencias e na outra metade a inmensa maioría dos pupitres estaría baleiros", sinala o sindicato.
Como resumo do resto de respostas, o profesorado di que en máis da metade das súas clases participa menos do 50% dos estudantes, e detalla nos comentarios que, ademais de problemas de cobertura, existen outro condicionantes socio-económicos detrás desta desconexión como a dificultade das familias para o manexo dos dispositivos electrónicos e das plataformas educativas.
ALUMNOS CON NECESIDADE DE APOIO ESPECÍFICO
O sindicato sinala que, no caso dos nenos e nenas que teñen diversidade funcional ou que necesitan dun apoio específico, compróbase como sofren con maior carga de profundidade a falta de recursos e de interacción co seu profesorado habitual e cos especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe.
SUSPENSO Á CONSELLERÍA E Á INSPECCIÓN
A CIG sostén que no que hai practicamente unanimidade entre o profesorado participante é na sensación dos profesionais de sentirse "sós, abandonados pola administración, sen directrices claras e coa responsabilidade de tomar decisións de face ás familias e ao alumnado que lle competen á autoridade educativa".
Respecto diso, a CIG-Ensino argumenta que "o silencio e a inacción" que demostrou o departamento que dirixe Carmen Pomar ata o momento na xestión da crise foi "duramente criticado" polo sindicato e protagoniza tamén "as queixas máis destacadas" dos participantes na enquisa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.