As respostas non se fixeron esperar: os estudantes calcularon cantos saltos eran necesarios, algúns desconfiaron dunha resposta matemática tan simple; os díscolos da clase cuestionaron a posibilidade de que a ra fixese pé, puidese nadar un pouco ou darse impulso abondo sobre a auga para o salto seguinte; outros, en fin, pensaron que a ra esgotaríase antes de chegar ao final. Só un alumno, Manolito, o fillo do señor Alcalde, deu a resposta correcta:
-Confiamos plenamente na ra.
Tal é o problema de matemática demente, como diría Lewis Carroll, ao que se enfronta nesta lexislatura Galicia, o país das marabillas. O Presidente Feijoó, travestido de ra en príncipe grazas ao bico de 661.281 galegos e galegas, ten que cruzar unha piscina olímpica a saltiños. Máis que piscina é un foso profundo cheo de “incertezas”, feras como crocodilos, descritas polo propio Feijoó no seu discurso: “Ou primeiro é a situación de Europa, onde o único seguro neste momento é a incerteza”.
Para facer o pan do déficit cero, coas tortas da incerteza, o renovado Presidente da Xunta ten que brincar sobre: 1) a recesión da Eurozona; 2) a perda dos Fondos Comunitarios a partir de 2014; 3) o novo modelo recentralizador de financiamento autonómico que orquestran Montoro e Areas; e 4) a liquidación a curto prazo de Novagalicia Banco.
Estes catro crocodilos esfameados axexan no foso a unha ra cautelosa que esta vez non fixo promesas, salvo dúas, basicamente: conseguir traballo aos 270.000 parados e arrexuntar todos os cartiños dispoñibles no novo FOCRE (Fondo para o Crecemento), unha especie de IGAPE 2.0, elástico como goma de mascar, “aberto, é dicir, poderá ser ampliado de forma proporcional ao incremento que se vaia rexistrando nos ingresos autonómicos”. Ou non.
Xa sabemos cal é a resposta ao problema dos 661.281 galegos que votaron ao Presidente: “Confiamos cegamente na ra”. A cuestión agora é saber que facemos cos 2.036.436 galegos e galegas que non confían no na ra nin no príncipe.
https://twitter.com/Tornarratos