Por Alberto Quian | Madrid | 22/04/2020 | Actualizada ás 22:00
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) é o maior organismo científico en España. Conta cun potencial multidisciplinar extraordinario, con 1.500 grupos de investigación en 120 centros, nos que traballan máis de 11.000 persoas. A súa capacidade de produción científica tamén é extraordinaria, sendo a primeira institución en España en publicacións, cunha media anual de 13.000 artigos en revistas científicas, dos cales un 70 % corresponde a artigos de alto impacto.
O CSIC está presente en Galicia a través dunha Delegación Institucional en Santiago de Compostela e de cinco centros de investigación: a Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra), o Instituto de Estudos Galegos ‘Padre Sarmiento’ (Santiago de Compostela), o Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo), o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela) e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Santiago de Compostela).
A presenza do CSIC en Galicia esténdese, ademais, á Sede Atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) e ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) –centro mixto coa Xunta de Galicia–, participando tamén noutras iniciativas, como o Centro Tecnolóxico da Auga (CETAQUA) ou os dous Campus de Excelencia Internacional de Galicia: o Campus Vida (Universidade de Santiago de Compostela) e o Campus do Mar (Universidade de Vigo). En Vigo, ademais, ten a súa base de operacións o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa.
Segundo os datos da Memoria Anual do CSIC de 2018 (última ata a data), esta institución contaba en Galicia con 329 traballadores e tiña vixentes 182 proxectos de investigación.
Agora, os membros do CSIC, do mesmo xeito que o resto da comunidade científica internacional, enfrontan a pandemia do coronavirus SARS-CoV-2 desde unha dobre perspectiva: por unha banda, a inmensa maioría dos investigadores está atento, desde múltiples enfoques (sanitario, biolóxico, sociolóxico, psicolóxico, económico, patrimonial, comunicacional, etc.), aos efectos directos e colaterais deste novo virus e ás ferramentas para estudar e comprender esta pandemia de devastadoras consecuencias. Doutra banda, a crise económica derivada da sanitaria, o confinamento, o distanciamento social e a urxencia de dispoñer de máis recursos para combater a Covid-19, está a trastornar a normal actividade dos científicos. Por non falar dos problemas persoais que, como a calquera de nós, tamén golpean aos científicos nestes tempos de imperio do coronavirus.
Para achegarnos á súa realidade, falamos con Antonio De Ron Pedreira, delegado institucional do CSIC en Galicia.
"Todos os institutos, centros e unidades do CSIC teñen acceso restrinxido, e todo o persoal da institución está a mostrar o seu compromiso e responsabilidade nesta crise"
Como está a afectar o confinamento ao traballo científico?
No CSIC, desde a declaración do estado de alarma, está a traballarse no marco das instrucións do Goberno de España e da resolución ditada pola nosa presidenta: desenvólvese todo o traballo posible por vía telemática e só se presta presencialmente cando se trata de actividades esenciais que non se poidan executar doutra maneira. Todos os institutos, centros e unidades do CSIC teñen acceso restrinxido, e todo o persoal da institución está a mostrar o seu compromiso e responsabilidade nesta crise.
Hai que destacar especialmente a participación na Plataforma Temática Interdisciplinar (PTI) ‘Salud Global’, nas investigacións sobre o virus SARS- CoV-2, ou os nosos voluntarios en numerosas institucións sanitarias, así como os envíos ás institucións sanitarias de equipos de protección individual (EPIs) e de laboratorio.
Houbo freo ou parón na actividade investigadora? Como afectará esta crise á produción científica?
En principio, continúase traballando coa ‘normalidade’ que permiten as circunstancias, pospoñendo aquelas accións dos proxectos de investigación que non se poden realizar pola situación actual, e que se retomarán cando se volva a esa ‘nova normalidade’ da que se está falando. Por tanto, non debería afectar á produción científica. Tamén hai que ter en conta que os prazos de moitas actividades científicas prolongáronse, o cal proporciona un alivio.
En Galicia, os institutos de investigación do CSIC non desenvolven investigacións relacionadas directamente coa Covid-19. Con todo, na PTI ‘Salud Global’ si participan grupos de investigación do CSIC en Galicia e tamén da Universidade de Santiago nos cales o CSIC ten presenza.
Os institutos do CSIC no resto de España que desenvolven investigacións relacionadas directamente coa Covid-19 poderían, de feito, ver incrementada a súa produción científica, pois están a xurdir diariamente novas liñas e subliñas de investigación sobre o virus e dun bo número de cuestións relacionadas con el.
"O confinamento ou illamento que está a experimentar todo o persoal, científico, técnico e de administración e servizos, está a dar lugar a unha certa ansiedade social e persoal"
Gustaríame apuntar que o confinamento ou illamento que está a experimentar todo o persoal, científico, técnico e de administración e servizos, está a dar lugar a unha certa ansiedade social e persoal que estamos a tratar de aliviar con reunións telemáticas e información puntal de carácter científico, tanto no que se refire á Covid-19 como á vida científica do CSIC en xeral.
Con todo, no CSIC sempre traballamos mirando ao futuro, así que a nosa actividade superará esta grave crise, co esforzo persoal e profesional de todos nós.
Como se están a organizar e a traballar os grupos de investigación nestes momentos?
Teletraballando sempre que é posible, con videoconferencias e, naqueles casos nos que é necesario (por exemplo, mantemento de bancos de xermoplasma, cultivos, animalarios, acuarios, etc.), con desprazamentos periódicos e puntuais aos institutos.
Por poñer un exemplo: eu non estou a asistir presencialmente á Delegación, aínda que desde primeira hora da mañá todo o persoal estamos teletraballando e dando conta das nosas tarefas. Respecto á miña actividade científica, como outros colegas, vou ocasionalmente á Misión Biolóxica de Galicia a revisar os cultivos en campo e as cámaras de conservación de sementes, algo esencial.
Entón, está habendo posibilidade de facer traballo de campo ou de laboratorio, ademais de teletraballo?
Si, en xeral está a haber, e de feito téntase favorecer, a opción do teletraballo, pero como mencionaba, hai tarefas esenciais que requiren presencialidade, especialmente as que se refiren a material biolóxico.
"Os institutos de investigación do CSIC en Galicia que desenvolven actividade experimental enviaron EPIs ao sistema sanitario"
Xurdiron necesidades especiais ou teñen demandas concretas para paliar o efecto desta crise na actividade investigadora?
Os institutos de investigación do CSIC en Galicia que desenvolven actividade experimental enviaron EPIs ao sistema sanitario. Agora estamos a solicitar da nosa institución que se repoña este material cando sexa posible, xa que será necesario para o retorno graduado ao traballo presencial.
Houbo ou haberá que reconducir outros recursos humanos, técnicos, loxísticos ou económicos para a loita contra ou coronavirus? De que xeito impactará isto non desenvolvemento das tarefas habituais de cada área de investigación?
O CSIC está a recibir financiamento do Estado e de entidades privadas, que alcanzan xa 7 millóns de euros, para investigar sobre a Covid-19; isto é moi importante, porque pon de relevo algo pouco frecuente ata o de agora, que son as doazóns á ciencia.
Igual si que pode ser, entendo, que se primen unhas áreas de investigación, como a de saúde, en detrimento doutras, ou que se promoven convocatorias de concorrencia competitiva acerca da Covid-19 e que se explore máis a colaboración con empresas.
"A crise sanitaria da Covid-19 pode servir para poñer en valor o papel da investigación e representa unha oportunidade para a I+D+i"
Dentro da grave situación que estamos a padecer, a crise sanitaria da Covid-19 pode servir para poñer en valor o papel da investigación e representa unha oportunidade para a I+D+i en todos os seus ámbitos: desde a investigación á innovación, transferencia e difusión/divulgación.
Témense perder, ou xa se perderon, fondos e investimentos?
Entendo que por agora non. En Galicia os proxectos do Plan Estatal comezaron hai meses e haberá que esperar ás novas convocatorias para ver os efectos que pode ter a epidemia no financiamento con fondos públicos da investigación.
No CSIC estamos en contacto cos axentes do sistema de ciencia e tecnoloxía para axuntar esforzos e racionalizar o financiamento da nosa investigación. En Galicia, principalmente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e coa Universidade de Santiago.
Nestes momentos difíciles, o CSIC sigue sendo positivo, o persoal mantense unido e traballando con esforzo, mesmo coas limitacións actuais. As direccións dos institutos, centros e unidades, as delegacións institucionais e os directivos da nosa institución, coa nosa presidenta á fronte, continuamos o noso labor científico e adicionalmente enfrontamos, cos medios ao noso alcance, a epidemia que estamos a padecer.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.