As editoras non agardan ás promesas da Xunta e únense aplicando descontos e facilidades nos pagos

O seu obxectivo é que a xente volva mercar libros e ter "seguridade" económica para afrontar e superar con fortaleza a actual situación de afogo que sofren.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/05/2020 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A distribuidora Consorcio Editorial Galego e vinte e nove editoras galegas que distribúe, ante a situación de extrema preocupación provocada polas medidas adoptadas no estado de alarma no sector cultural galego no seu conxunto e moi en especial nas librarías, acordaron poñer en aplicación de forma inmediata unha alianza estratéxica de apoio ás librarías galegas no momento da súa recente apertura.

Imaxe dunha libraría
Imaxe dunha libraría

Segundo recolle un comunicado remitido aos medios, a alianza proposta está centrada, en primeira instancia, “na aplicación inmediata de medidas económicas que palíen os efectos do pechamento e doten de seguridade ás librarías para afrontar e superar con fortaleza a actual situación de afogo que sofren”. Entre estas medidas propoñen a aplicación dun desconto superior ao habitual, asumido de forma igualitaria polas editoras e a propia distribuidora, e a flexibilización nos pagamentos.

Tanto editoras como distribuidora concordan que as librarías de proximidade son as divulgadoras principais do libro galego e actúan “como auténticos escaparates dos nosos libros, así como das creadoras e creadores na nosa lingua”.  “Temos o convencemento de que estes pequenos xestos, con esforzos compartidos, sinxelos pero transparentes e con impacto directo na conta de resultados das librarías, son os que axudarán a saír desta situación tan complexa”, engade.

As editoras que asinan este acordo son Aira Editorial, A Central Folque, A Xente Corrente, Alvarellos, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Através Editora, Axóuxere Editora, Baía Edicións, Bunker Books, Catro Ventos Editora, Contos Estraños, Dos Acordes, Ediciones Bolanda, Edicións Laiovento, Edicións Matriarcas, Editorial Bululú, Editorial Discursiva, Editorial Doutor Alveiros (Fundación Vicente Risco), Espiral Maior, Hércules de Ediciones, Murguía Revista Galega de Historia, Museo do Pobo Galego, OQO Editora, PrimeraPersona Editorial, Punto e Coma, Senén Vaamonde, Sira e o robot, Toxosoutos e Urco Editora, todas elas distribuídas polo Consorcio Editorial Galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta