Un 17 de maio preso nas xanelas e cos ollos postos no 2021 como ano Carvalho Calero

Eis unha ollada das librarías, do ensino e da literatura a un Día das Letras Galegas que volve poñer no foco as reivindicacións lingüísticas do país.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2020 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A reivindicación e a celebración propia deste 17 de maio, Día das Letras Galegas, queda nas xanelas das nosas casas e dos nosos ordenadores. A pandemia da Covid desloce esta xornada dedicada ao historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e mais escritor, Ricardo Carvalho Calero, gran defensor do achegamento do galego ao portugués. Coas librarías espertando, o ensino trasladado ás pantallas e o calendario cultural paralizado, esta homenaxe "perentoria" e de xustiza histórica queda a medio camiño. Xa que logo, diversas entidades sociais e asociativas ollan xa para o 2021 como o novo ano Ricardo Carvalho Calero mentres esperan a decisión última da Real Academia Galega

Manifestación de Queremos Galego o 17 de maio de 2018
Manifestación de Queremos Galego o 17 de maio de 2018

NAS LIBRARÍAS

A histórica libraría Pedreira, situada na capital galega, vive estas Letras Galegas "dunha forma moi estraña". Fala Antón Pedreira que este día 17 levantan as reixas en horario de mañá e de tarde, pero que non son moi optimistas. "Pódese abrir, pódese vender... Pero falta o esencial, que é poder dar a coñecer a obra de Carvalho Calero". Coas cidades, vilas e aldeas aínda en letargo, só as redes sociais se abren paso como canles para a difusión, para a reivindicación e para a celebración.

Antón Pedreira desexa que 2021 volva ser Ano Carvalho Calero, e espera que a Real Academia Galega (RAG) así o decida. "Neste contexto todo queda desfigurado, é difícil traballar a súa obra dentro do ensino, os esforzos editoriais non se ven...", relata. Dende a súa longa experiencia como libreiro, Pedreira sabe que, "pasado o día, a venda deses libros acabou". "En realidade é así como funcionamos: chega o día 18 e non se volve falar máis do escritor ou escritora homenaxeada, agás que sexa un Manuel María ou unha Rosalía. Temo que con Carvalho suceda o mesmo". E aínda con máis intensidade tendo en conta a situación que atravesamos agora. Por iso mesmo, Pereira cre que "vén ben que se repita a homenaxe o próximo ano".

Carvalho Calero é un autor "non todo o recoñecido que debería", fala Pedreira, que se define como un gran admirador del por sempre. "As Letras Galegas van facer que se fale da súa figura. Obras fundamentais da historia da lingua e da literatura galegas foron feitas por el. Traballou moitísimo a poesía, o teatro... Traballouno todo". Sendo "dos grandes esquecidos", Antón Pedreira agarda que o recoñecemento cara a súa multidisciplinar figura "perdure no tempo". 

Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero

CARVALHO CALERO DENDE O ENSINO

Tampouco para a cativada Carvalho Calero é unha figura todo o coñecida que debería. Marisa Moreda dá aulas nos niveis máis baixos da educación secundaria do instituto de Poio. Camiño deste 17 de maio, intenta como pode a través das aulas telemáticas situar a rapazada no Día das Letras Galegas e achegala ao labor do homenaxeado, unha persoa poliédrica que "non ten case relevancia nos libros de texto" aínda que atravesou con fondura a nosa historia. 

"É unha figura descoñecida para eles, tanto para os máis pequenos como para os máis maiores", fala Moreda, que traballa a Carvalho Calero coas crianzas a través de vídeos, unha scape room virtual ou traballos que tamén se fixeron noutros institutos. Ela é, ademais, autora dalgunhas das unidades didácticas adaptadas ás diferentes etapas educativas que desenvolveu a AGAL de cara a este 17 de maio e que están compiladas na web carvalho2020.gal, o espazo na rede máis completo ao redor do homenaxeado.

Debido ás circunstancias deste 2020, Moreda concorda con Antón Pedreira en que a opción máis "lóxica" é a de continuar o achegamento a Carvalho Calero ao longo do próximo ano 2021. "Esta figura era a oportunidade para presentar o reintegracionismo ás crianzas, pero iso é difícil facelo telematicamente porque resulta complicado de entender", relata Moreda. Nos libros sempre aparece un pequeno apartado dedicado á lusofonía, pero Carvalho Calero "axuda a materializar" aquilo que as crianzas ven lonxe delas.

NA LITERATURA

"O de que outras vías son posibles e o de traballar o respecto á diferenza sen sentila como allea". A poeta e tradutora Yolanda Castaño responde deste xeito ao lle preguntar polo papel que Carvalho Calero cumpre na nosa literatura. "Esta é unha magnífica oportunidade para achegarnos ao seu pensamento, de aí sempre imos saír reforzadas", engade. 

O recoñecemento a este persoeiro, a estas alturas, "non só era necesario, senón imperioso e perentorio", mais ante esta crise súbita, Castaño pensa que a homenaxe queda "deslucida". As opcións volven, logo, xirar en torno ao seu aprazamento. "Estaría ben que nos lembraramos das Letras Galegas todos os días, pero o certo é que o calendario cultural se move en torno a efemérides". Sobre todo neste mes de maio: "O agosto dos hostaleiros é o maio das escritoras galegas!", compara. 

REINTEGRACIONISMO E SAÚDE DA LINGUA

"Estudar este autor supón ofrecerlles a ocasión ás rapazas e rapaces de ver a oportunidade que ten a súa lingua". Marisa Moreda aposta porque o reintegracionismo que Carvalho Calero sempre defendeu teña "espazo" no ámbito educativo. Ela non é moi optimista ao redor do estado de saúde da lingua na rapazada máis nova, e baixo a premisa de que "só a través do reintegracionismo hai posibilidade de sobrevivir", esta mestra considera que "aproximar as crianzas a esta proposta reengánchaas coa súa lingua". "Hoxe movémonos por oportunidades máis ca por sentimentos, buscamos a utilidade das cousas", argumenta. 

Antón Pedreira tamén desexa que Galicia camiñe "cara a normativa portuguesa". "As institucións, coa Xunta á cabeza, están a que desapareza a lingua. É triste, pero é así: institucionalmente o galego non é a lingua referente e iso faille moito dano". O traballo e movemento do mundo editorial, pola contra, é un dos síntomas de que o idioma "está vivo" no país. 

Resta que esta boa saúde do galego se traslade tamén ás rúas, ao cotiá. "Que a rapazada vaia de compras ou vaia ligar en galego", relata Yolanda Castaño. "No eido da reivindicación e no eido da cultura o galego non se descarta tanto, pero é preciso que chegue a todos os ámbitos da vida social e doméstica a nivel masivo". Para ela, trátase de namorar da lingua. "Hai que caer na conta de que cando odiamos a propia identidade, odiámonos a nós mesmas, e odiar quen ti mesma es é unha miseria coma outra calquera".

A tempo estamos de "espertar conciencias e consciencias". Polo de agora, saiamos ás xanelas e reivindiquemos ben alto o noso idioma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Nin as letras galegas resisten o estado de alarma! https://twitter.com/00Gamela/status...