Por E.P. | | 18/05/2020 | Actualizada ás 19:55
A 'spin off' da Universidade de Santiago 3edata Enxeñaría Ambiental deseñou, xunto con outros investigadores da USC, da Universidade da Coruña e da UNED, unha ferramenta que emprega sensores multiespectrales para vixiar a calidade das augas en encoros e masas de auga interiores con drons e satélites.
O resultado da investigación para desenvolver este sistema, pioneiro no territorio estatal, foi publicado no último número da revista científica de impacto internacional 'Remote Sensing'.
Con esta ferramenta pódese dar resposta a un dos problemas máis comúns nas masas de auga continental, e que afecta a calidade dos recursos hídricos, como é a excesiva presenza de nutrientes que desencadea a aparición de algas, turbidez e falta de osíxeno.
Este proceso, chamado eutrofización, favorece a aparición de cianobacterias, algas potencialmente tóxicas e que poñen en risco a saúde humana. Ademais, no actual contexto de cambio climático, os investigadores prevén que se acentúe, ao incrementarse a temperatura das augas.
Neste contexto, a obtención de información fiable é vital para os xestores dos encoros e as empresas subministradoras de auga, que deben actuar de modo precoz para garantir a calidade da subministración.
A ferramenta deseñada polo equipo que lidera Carmen Cillero (e no que tamén están os investigadores Ramón Díaz Varela, Jordi Delgado, José Luís Cereijo e José Antonio Domínguez) baséase na monitorización de ecosistemas acuáticos mediante teledetección con satélites e drons.
Así, mestúranse imaxes multiespectrais obtidas con tres sensores a bordo de catro plataformas con distintos niveis de resolución espacial e temporal, e pódese coñecer a concentración do pigmento clorofila-a, como indicador da biomasa de fitoplancto e do nivel trófico da masa de auga.
A 'spin off' 3edata desenvolveu este traballo no marco do proxecto 'Emprego de sensores multiespectrais sobre drons como ferramenta de alta resolución para xestión de encoros (2016-2019)', cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do programa Torres Quevedo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.