Por Galicia Confidencial | Vigo | 21/05/2020 | Actualizada ás 21:45
Agora Galiza-Unidade Popular quere que as distintas organizacións e partidos políticos da esquerda e do independentismo en Galicia se xunten a falar, “sem exclusom nem condicionamentos previos", para tecer unha fronte antifascista que faga fronte ás accións convocadas pola ultradereita nas rúas de distintas cidades a pesar do estado de alarma, como a que tivo lugar en Vigo este mércores.
“Perante a ofensiva do fascismo nas ruas, solicitando liberdade, violando impunemente o estado de alarma, é necessário agirmos. Nom podemos olhar para outro lado como se nada passa-se, nom podemos deixar-nos arrastar pola resignaçom e a indolência, nom podemos esperar mais. É necessário que o antifascismo responda com urgência a umha escalada reacionária que só está iniciando os seus primeiros passos”, indican desde esta organización.
Neste sentido, apunta como modelo a seguir o da Frente Popular dos anos 30, que apoiou entre outros o PSOE, o Partido Comunista, o Partido Galeguista, os republicanos galegos ou o agrarista de Antón Alonso Ríos. “Com esta iniciativa só procuramos facilitar umha primeira reuniom que sente as bases para atingir a confluência e unidade antifascista”, apunta.
Esta organización propón unha xuntanza virtual a última semana de maio –o 26 pola tarde-- tras as convocatorias organizadas por Vox para este sábado e para “madurecer propostas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.