Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/05/2020 | Actualizada ás 22:00
Os medios públicos galegos están no punto de mira. E, desta volta, máis que nunca. Desde que comezou a pandemia, as aparicións do presidente galego en horas de máxima audiencia acadan cifras históricas, nunca antes vistas desde a fundación da CRTVG nos anos oitenta. Feijóo leva case 30 comparecencias en directo cunha media de dúas horas, sen contar informativos e programas nos que a presenza do líder do PPdeG, dos seus conselleiros e do seu partido se ten multiplicado ao mesmo tempo que se minimiza a presenza dos grupos críticos ou da oposición.
Por iso, todos os partidos da oposición e os traballadores do ente público denuncian unha “manipulación histórica” e nunca antes vista na historia dos medios públicos galegos. O Comité Intercentros da CRTVG esixíalle esta semana ao Partido Popular de Galicia que “libere dunha vez os medios públicos do secuestro”. Os representantes do persoal lamentan que se utilice mesmo a cobertura da pandemia para facerlle a precampaña a Feijóo e alertan de que a manipulación “irá a máis” pola proximidade das eleccións autonómicas.
Neste sentido, acusa ao director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, e aos responsables dos Servizos Informativos de non respectar os códigos deontolóxicos profesionais e de “antepor” os intereses do Partido Popular ao dereito da cidadanía a acceder a unha información veraz e plural.
"A cobertura da pandemia provocada pola Covid-19 é un irresponsable e trapalleiro exercicio de precampaña electoral ao servizo do candidato”, denuncia. Así, apunta que desde o inicio da crise as estratexias de manipulación informativa que se foron sucedendo nos telexornais e outros programas baseáronse fundamentalmente en criticar e desprestixiar a xestión da pandemia por parte do Goberno estatal, en mans da coalición PSOE-Unidas Podemos, para “louvar e enaltecer as actuacións da Xunta de Galicia, dominada polos populares”.
"Utilizan á CRTVG para louvar e enaltecer as actuacións da Xunta de Galicia"
TÁCTICAS DE MANIPULACIÓN
“A técnica consistiu (e aínda consiste por se se quere comprobar) en contestar e reprobar as decisións de Madrid con videos de produción propia nos que, despois dunha cita por exemplo do presidente do Goberno, aparecen réplicas ou declaracións críticas de cidadáns ou voceiros sectoriais”, indica o Comité Intercentros. “Nada reprochable se se fixera sempre, tamén os xoves despois do Consello da Xunta ou despois de cada rolda de prensa de Feijóo”, engade.
Así por exemplo, utilizan enunciados como “Galicia reforza o material sanitario”, “temos a taxa de letalidade máis baixa de España”, “a Xunta continúa cos test diagnósticos”, “O Ministerio valora a posibilidade de deixar saír aos nenos, como propuxo o domingo pasado Feijóo” ou “o Goberno galego segue traballando”. “Pretenden transmitir a imaxe de que no noso país todo vai ben porque goberna o Partido Popular, cando no resto do estado a situación é de caos”, di.
Ao mesmo tempo “ocultan e silencian” aos partidos da oposición, que “estivneron prácticamente desaparecidos durante o confinamento máis severo”. A” mesma ocultación padeceron nos informativos da TVG e de RG aqueles colectivos, organizacións ou agrupacións de traballadoras que mantiveron durante este tempo unha posición crítica contra a xestión da Xunta, xa fora denunciando a falta de medidas de seguridade, de organización e control ou demandando máis persoal e máis medios para facerlle fronte ás consecuencias do coronavirus”, salienta.
"ACABARÁN CAENDO"
Nestas denuncias coinciden tamén os principais grupos da oposición. O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusa ao PP de utilizar á Xunta “como o seu comité electoral” a través da “manipulación e perversión dos medios públicos” para favorecer a Feijóo. “Usa os medios de comunicación públicos e fondos da Xunta para construír un relato mentireiro da Xunta”, indicaba este venres.
E, neste sentido, anunciaba que o seu partido “tomará as medidas que haxa que tomar” para que non se siga utilizando á CRTVG con fins partidistas. “A dirección tiña que ser consciente de que o que están facendo é un ataque á democracia, á veracidade e pluralidade en Galicia”, engadía.
Por iso, tamén manda un recado aos directivos do ente público pola “campaña feroz e indigna de manipulación”. “Acabarán caendo. Caerá o Goberno do PP e faremos dos medios públicos uns medios diversos e plurais”, indicaba.
"A dirección da CRTVG é responsable pola campaña feroz e indigna de manipulación"
Tamén Galicia en Común-Anova Mareas denuncia este martes o uso que o Partido Popular de Núñez Feijóo leva facendo máis dunha década da CRTVG. “Son frecuentes as ocasións nas que o persoal da CRTVG denuncia a manipulación informativa á que se ven sometidos diariamente nos servizos informativos e sinalan como baixo as presións do entorno do presidente Feijóo se prioriza antepoñer os intereses do Partido Popular ao dereito da cidadanía de acceder a unha información veraz”, indicaba o seu líder Antón Gómez-Reino.
“A radio e a televisión pública de Galicia pertence a todos e todas as galegas e debe garantir o pluralismo político, por iso non se entende que o señor Feijóo teña comparecido case 30 horas en horarios de máxima audiencia mentres silencia a oposición”, sinalou o candidato e portavoz de GeC-AM. “Basta xa de empregar a CRTVG como un medio de propaganda do Partido Popular”.
Unha opinión na que tamén coincide a líder do BNG, Anta Pontón Pontón, que acusa a Feióo de “pretender amordazar ao resto das forzas políticas despois de ter utilizado dun xeito tan descarado aos medios públicos de comunicación en particular a TVG”. “Se tomamos como referencia o estado de alarma”, explicou, “desde o 14 de marzo ao 13 de maio, Feijóo acaparou 1.463 minutos de emisión en directo na TVG. O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura”, dixo ao cualificar a TVG de "Telefeijóo".
“Confío en que non pretenda furtar á cidadanía o dereito ao debate sobre o que nos xogamos nesta convocatoria electoral, que non intente amordazar ao resto de forzas políticas e que non pretenda facer crer que quere unha campaña curta cando leva facendo campaña electoral desde o momento en que se declarou o estado de alarma”, destacou.
Feijóo: "Son os galegos os que consideran que os medios públicos son veraces"
E FEIJÓO ACUSA A MADRID
Ao presidente galego semella que non lle preocupa o que din os traballadores e os líderes da oposición sobre a manipulación informativa. Preguntado polas críticas insistiu nos criterios “profesionais” da dirección do ente público. E neste sentido engadiu que "o máis importante" á hora de "medir a un medio é a súa audiencia" e apuntou que "a maioría dos galegos consideran que a información" dos medios públicos da Comunidade é "veraz", dado que os seguen.
"Sobre o que pasa noutras televisións públicas, creo que non é necesario que me remita aos comentarios de roldas de prensa de presentadores desas televisións falando do que pasa nesa casa. E no consello de administración de RTVE incumpriuse a lei para cambialo a través dunha norma expeditiva, aquí está composto de acordo ao que marca a lei", advertiu, para concluír: "Esas cousas en Galicia non se fan e, mentres que eu sexa presidente, tentarei que non ocorran".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.