Por Galicia Confidencial | Carnota | 25/05/2020 | Actualizada ás 10:43
A asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia a intención da Xunta de tallar 6.000 árbores do Monte Pindo dentro dunha fase experimental do Plan contra incendios de Medio Rural que se porá en marcha no distrito forestal de Fisterra.
Nun comunicado, esta entidade di non entender a eliminación da cuberta vexetal se non se contempla a súa “inmediata substitución” por especies arbóreas autóctonas. Así, lembra que o solo do Monte Pindo está moi afectado por séculos de incendios masivos, “dando como resultado unha cuberta vexetal mínima”. “Eliminar a pouca vexetación que o protexe deixará o solo desprotexido ante a erosión e a choiva, o que pode significar un golpe mortal á biodiversidade, pois alí tardará décadas ou séculos en volver medrar nada”, indica nun comunicado.
Por iso, convoca ao ambientalismo da Costa da Morte a unha mesa de diálogo tras este plan da Xunta que, din, se fixo, sen ningún diálogo previo coas entidades sociais, nin sequera coas comunidades de montes e “sentou coma un xerro de auga fría ao ecoloxismo da comarca, pola falta de claridade”.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural defende que aínda que se trate da talla de especies alóctonas coma eucaliptos, entende que calquera actuación de eliminación debe facerse por medios manuais e non por queimas indiscriminadas (mal chamadas "controladas") que poden afectar á biodiversidade endémica do espazo protexido. As entidades interesadas en participar poden cubrir o seguinte formulario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.