Por Europa Press / Redacción | Madrid | 26/05/2020 | Actualizada ás 17:19
O director do Instituto Cervantes, Luís García Montero, asinou un acordo coa directora do Institut Ramon Llull, Iolanda Batallé, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, e a directora do Instituto Vasco Etxepare, Irene Larraza, para apoiar a diversidade lingüística de España e o respecto á súa "realidade pluricultural a través do diálogo e o entendemento", segundo informou a institución.
Este acordo ten unha vixencia de catro anos prorrogrables e o seu texto, asinado en castelán, catalán, galego e eúscaro, establece un marco de colaboración para promover estas linguas e as súas culturas tanto en España como no exterior, á vez que senta as bases para unha cooperación entre o catro organismos, xa que, en palabras do director do Cervantes, "defender a pluralidade é defender a lexitimidade das identidades".
Aínda que este acordo non contempla compromisos económicos concretos, García Montero anunciou que tentará que unha parte dos orzamentos de Cultura do Cervantes faciliten este diálogo, e que fará de ponte co Ministerio de Cultura e, en especial, coa Dirección Xeral do Libro para que haxa un orzamento externo con este obxectivo.
Tal e como sinalou García Montero nun diálogo por videoconferencia, con este acordo o Cervantes transmite "unha imaxe da cultura española chea de pluralidade e orgullosa da súa riqueza e a súa diversidade".
Entre outras posibles actuacións concretas, García Montero apuntou que a Feira Internacional do Libro de Frankfurt (Alemaña), que en 2021 terá a España como país convidado, será unha ocasión idónea para que participen e sexan visibles as literaturas en castelán, catalán, galego e eúscaro.
Este novo marco "profundará" en estratexias de cooperación marcadas con anterioridade, entre as que García Montero puxo como exemplos a Feira do Libro de Buenos Aires na que o Cervantes participou da man do Ramon Llull e o Concello de Barcelona, os acordos subscritos co Etxepare e a Filmoteca Vasca para levar cinema vasco aos centros do Cervantes, e outros acordos coa entidade galega que se desenvolven en Brasil.
Neste sentido, a responsable do Ramon Llull insistiu na importancia de fomentar as traducións do catalán ao castelán, que é "o destino natural" para traducir as obras escritas en catalán, e defendeu esta colaboración. "Somos compañeiros de camiño, xuntos chegamos máis lonxe e camiñar polo mundo en solitario non ten sentido", sinalou.
Así mesmo, a presidenta do Consello da Cultura Galega instou a "tender pontes de coñecemento mutuo". Ao seu xuízo, non se deben "concibir as linguas como barreiras nin como armas políticas de confinamento" senón como "formas complementarias, non excluíntes, de ver o mundo".
Pola súa banda, a directora do Etxepare afirmou que "a diversidade é unha forma de entendemento" e avogou por "traballar pola universalización das nosas linguas e culturas", levando a cabo un activo labor de transmisión para divulgalas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.