TSXG postúlase en contra do Concello de Vilasantar que despediu unha muller con discapacidade

A Sala do Social considera que a traballadora foi "discriminada" pola súa enfermidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

A Sala do Social da Coruña do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza contra o Concello de Vilasantar polo despedimento dunha traballadora auxiliar dun servizo municipal que tiña unha discapacidade recoñecida.

Nun fallo datado a 30 de abril --contra o que cabe recurso de casación--, a maxistrada tomba o recurso presentado polo goberno local de Vilasantar que encabeza o popular Fernando Pérez, polo que confirma a sentenza ditada en setembro de 2019 que dá a razón á demandante, despedida do seu posto de traballo despois de que se lle concedese unha incapacidade permanente total con dereito a reserva do posto de traballo.

A traballadora estaba vinculada desde o ano 2006 ao concello coruñés, onde desempeñaba tarefas no servizo de Axuda no Fogar como auxiliar. Tras sumar unha serie de baixas por enfermidade, en 2014 recoñéceselle unha incapacidade permanente con reserva a posto de traballo, ao que se reincorporou tres anos máis tarde.

Meses despois, esta empregada pasou a ser declarada "non apta" para realizar o seu traballo de asistente a domicilio ao ser considerada unha traballadora "especialmente sensible" ao amparo do artigo 25 da Lei de Riscos Laborais.

Con todo, o goberno local de Vilasantar ordena nese momento dar de alta á traballadora e que permaneza "sen asignar ningunha tarefa concreta ata nova resolución", o que motivou que, meses despois, tras permanecer no seu fogar sen desempeñar ningunha función, a afectada interpuxese unha denuncia por acoso laboral contra o concello.

Finalmente, o goberno local ditou unha orde de despedimento sostendo que a traballadora non podía desempeñar as tarefas que requiría o posto de coidadora debido ás súas doenzas. Tras denunciar xudicialmente ao consistorio polo despedimento, o concello foi condenado a reincoporar á demandante "nas mesmas condicións" e a indemnizala con 6.000 euros por danos morais.

Agora, a Sala do Social ratifica esta sentenza ao declinar o recurso presentado polo goberno municipal ao entender que tanto as razóns esgrimidas como as características da traballadora, que contaba cunha discapacidade recoñecida, non xustifican o seu despedimento.

Así as cousas, considera que a traballadora foi "discriminada" pola súa enfermidade, ademais de relacionar a denuncia presentada ante Inspección de Traballo co seu despedimento.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede do Tribunal Superior de Xustiza. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta