Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/06/2020 | Actualizada ás 22:00
Un estudo comparativo de enquisas realizado pola empresa Porcentual para Galicia Confidencial apunta que o PPdeG gañaría novamente as eleccións galegas por maioría absoluta, con 41 escanos, os mesmos que ten na actualidade.
A segunda forza en número de votos e escanos sería o PSdeG, con 19 --ascendería cindo deputados-- e logo o BNG, que case duplicaría os seis actuais para situarse con 11. Galicia en Común, cuxas formacións --Anova, Podemos, EU e algunhas mareas municipalistas estaban integradas en En Marea hai catro anos-- pasaría a ter 4. Pola contra, nin Marea Galeguista, que se di sucesora de En Marea, nin Vox, nin Ciudadanos obterían representación nas eleccións do vindeiro 12 de xullo.
No seu estudo, Porcentual fai unha comparativa dos inqueritos publicados nos últimos días, o de NC Report para La Razón, o de GAD3 para ABC, o de Celeste-Tel para eldiario.es e o de Sondaxe para La Voz de Galicia.
Segundo os seus datos, o PPdeG sería a formación máis votada co 46,4% dos votos, seguida do PSdeG co 22,6%. En terceira posición estaría o BNG, co 15.3% e, finalmente, Galicia en Común, co 8,3%. Quedarían fóra do Pazo do Hórreo, Vox co 2,7% das papeletas; Ciudadanos, co 1,7% e Marea Galeguista, co 0,6%.
Os populares serían a forza máis votada en prácticamente todos os concellos galegos, agás en Dumbría, Culleredo, A Capela, As Pontes, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz, Pedrafita, Calvos de Randín e Entrimo, onde gañaría o PSdeG e Allariz, onde o Bloque sería o máis votado.
REPARTO DE ESCANOS
DISTRIBUCIÓN POR CONCELLOS
VALORACIÓN DE ENQUISAS
Precisamente, esta fin de semana todos os grandes líderes políticos coincidían en evitar valorar enquisas e, en suliñar que, coa situación actual, os inquéritos son moi volátiles. Así, Feijóo dixo que sabe "perfectamente distinguir" entre un estudo demoscópico e os resultados electorais.
"E tamén sei perfectamente que a mellor forma de perder unhas eleccións é considerar que as enquisas se converten inevitablemente en resultados electorais", continuou. "Por tanto, nós (o PPdeG) imos traballar, non imos dar un só balón por perdido e tentar trasladar aos galegos cal é a nosa oferta política e a nosa oferta de goberno", finalizou.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero, mostrouse "seguro" de que a clave para que a enquisa non se cumpra pasa por "mobilizar o voto progresista" --como pasou noutras citas electorais anteriores de 2019--.
"En abril fomos a primeira forza por primeira vez na historia; gañamos as municipais e o 55% dos galegos teñen alcalde socialista en máis de 100 concellos; chegaron as eleccións de novembro con maioría progresista: os 55% galegos votaron por forzas políticas de esquerda". "Hai un mapa político que reflicte que hai unha maioría de cambio no país", concluíu.
"SAIRÁN MOITAS ENQUISAS"
Pola súa banda, o portavoz de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, sinala que "a única enquisa válida" é a do próximo 12 de xullo" e que até entón "sairán moitas enquisas, con distintas variables, e que son parte da propaganda performativa".
Gómez-Reino reiterou a súa convicción sobre a "vontade e necesidade" que existe en Galicia para un "cambio que reverta todo o dano feito por Feijóo á estrutura pública: a sanidade, os coidados e o ensino".
Finalmente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a día de hoxe "as enquisas teñen menos validez que nunca", xa que considera que o panorama político actual é demasiado volátil e a sociedade está marcada pola incerteza.
Pontón asegurou que "a tantos días das eleccións, as enquisas teñen menos validez que nunca", sobre todo "neste contexto de tanta volatilidade e incerteza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.