Por Valentin Carrera | Compostela | 26/01/2013
Namentres, preséntase ao PP compostelán unha oportunidade de ouro para desfacer aquel patinazo: Paula Prado, persoa da máxima confianza de Feijóo –acaba de promocionala a portavoz do PP en Galicia-, tan bendita polos seus adversarios políticos no concello, como combatida sen cuartel polo equipo de Currás.
Lembremos: cando Conde Roa foi apeado da poltrona, á forza, eh, que non se foi polas boas, tras ser imputado por delito fiscal, a substitución natural correspondíalle a Prado. Pero a deputada era entón o voto nº 38 dunha axustada maioría no Parlamento Galego e, a súa eventual dimisión para centrarse na Alcaldía de Compostela, deixaba a chave do parlamento a súa substituta na lista, Leyre Aldasoro, exconcelleira en Arzúa, considerada pouco de fiar. Feijóo preferiu non facer experimentos con gasosa no Parlamento e consentiu o ascenso de Currás, candidato suxerido por Conde Roa, ou imposto, vaia vostede a saber que componendas houbo na trastenda de Monte Pío.
Currás é a herdanza recibida: nunca soñou ser alcalde e agora agárrase desesperadamente á poltrona. Moito ten que ocultar ou ese cargo é aditivo. Currás leva tempo arrastrando polo barro xudicial o nome de Compostela e o pouco prestixio que lle queda ao PP de Santiago, cuxos militantes asisten mudos, indignados e mangoneados a este sainete local. Currás, cuxa credibilidade é similar á de Bárcenas, segue dicindo que non pasa nada e que no grupo municipal lévanse todos ben, grazas. E a cidade se descollona da risa ou se ofende, porque o insulto á intelixencia dos cidadáns é demasiado tosco. ¡Que desgraza!, ¿acaso non se merece algo mellor a cidade de Santiago?
Mentres segue crecendo a espuma xudicial, Feijóo move ficha e promociona a Paula Prado; a súa elección parece acertada, Prado pode mellorar a imaxe e a comunicación do PP e todo apunta a que fará un bo traballo. ¿Ser portavoz é compatible con seguir sendo deputada e concellala? Que llo pregunten a Esperanza Aguirre durante 20 anos, a Cospedal, a Carmela Silva… pronto se verá. Currás xa anda a vender a pel do oso.
Pero si Paula dimite, deixará no concello de Santiago un burato do tamaño da primeira metedura de pata de Feijóo con Conde Roa. ¿Alguén imaxina a Currás de candidato en 2015? ¿Van deixarlle recocer no seu mollo, quentando a cadeira a un hipotético alcaldable Agustín Hernández? E si Paula Prado tivese opcións, ¿pode abandonar agora o concello, a metade de lexislatura e logo volver postularse? Queda feo.
Feijóo e o seu achegado Carlos Negreira, presidente provincial, teñen un cubo de Rubik que compoñer. Mostrar a Currás a tarxeta vermella e puxar de Paula Prado sen máis dilacións: a cidade de Santiago ben merece unha alcaldesa nova e competente, e non esta agonía xudicial, este desacacougo, esta lameira insoportable.