Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/06/2020 | Actualizada ás 21:35
A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia convoca a concentracións en toda Galicia o vindeiro 25 de xuño ás 20.30 horas para defender a sanidade pública e o traballo dos sanitarios, especialmente durante a pandemia, e denunciar a politización que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, está a facer da crise da COVID-19 ante a proximidade dos comicios galegos.
“Por que Feijoo mente. Despois da peor crise sanitaria debida e COVID-19, dicimos que non nos salvou Feijoo, como él di. Salvounos o illamento de Galicia, o confinamento e o traballo dxs profesionais sanitarixs”, apunta a plataforma nun comunicado.
Ademais, critica que a crise non está superada e que é necesario recuperar a actividade sanitaria ordinaria, “abandonada durante estes meses e prepararse ante un posible rebrote”. Tamén denuncia o peche de camas durante o verán e a situación dos sanitarios. “Non necesitan o noso aplauso. Necesitan trato digno, medios, protección e condicións laborais dignas”, recolle.
Neste sentido, a plataforma tamén pon en dúbida a actuación da Xunta nas residencias de maiores porque en moitas “houbo medo, horror e morte”. “Esiximos Residencias PÚBLICAS, de xestión PÚBLICA e con asistencia sanitaria PÚBLICA e sen discriminacións”, apunta ao tempo que critica a privatización da sanidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.