Negro futuro para os autónomos: “Tardaremos moito en recuperarnos”

As previsións económicas apuntan un peche masivo de pequenas e medianas empresas cos consecuentes despedimentos. O sector dos autónomos e autónomas espera a análise das cifras para despois do verán e así ter máis claro o panorama. Tamén se espera a convocatoria de axudas para o sector que permitan amortecer o impacto da crise do coronavirus.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 28/06/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O sector dos e das traballadoras autónomas pode pechar o ano 2020 cunhas cifras nada positivas. Esa é a conclusión dalgúns expertos consultados. As diferentes axudas que habilitaron as administracións poden ser unha maneira de evitar un afundimento rápido, máis será inevitable o peche de empresas por non poderen afrontar gastos ante o colapso da economía durante estes meses e a consecuente falta de consumo posterior. En vista disto, o sector autónomo espera os resultados que deixará o verán en canto ingresos por turismo. Non son optimistas, mais non queren adiantar acontecementos din.

Traballadores autónomos
Traballadores autónomos


AXUDAS PARA AUTÓNOMOS

A solución máis inmediata para poñer en marcha un proxecto é solicitar axudas públicas para afrontar polo menos os primeiros anos. Obviamente estas axudas levan parellas unha serie de condicións como no caso das axudas a emprendedores e fomento do traballo autónomo en Galicia. “Tes que comprometerte a manter a actividade por dous anos mínimo” di Rafael Granados, da Asociación de Traballadores Autónomos Galicia (ATA).

As axudas para autónomos teñen orzamentos limitados e con eles deben facer fronte ás demandas de todos os sectores implicados. “Isto pode acabar cunha suma de solicitudes moi superior ás capacidades orzamentarias” di o propio Rafael Granados. As axudas en concorrencia competitiva por tanto, axudarían a un número limitado de iniciativas ou traballadores autónomos.

Mesmo as iniciativas innovadoras que entran na terna de axudas non teñen asegurado o apoio público. As ascociacións sectoriais de autónomos (comercio, taxi, mulleres empresarias), como ditas sociedades, terían máis posibilidades, din desde ATA. Os sectores ou persoas con propostas de innovación moitas veces carecen de asociacións que brinden o seu apoio, de aí que boa parte dos proxectos queden sen cobertura económica pública.

O FUTURO LOGO DA COVID-19

A saída de Galicia da fase 3 de desescalada parecía dar impulso a todos os sectores económicos. Pola contra, eses mesmos sectores non se mostraron moi optimistas de cara o futuro máis inmediato. As axudas ICO, coas axudas da Xunta, avais, etc., non puideron levantar os ánimos dun empresariado que calculaba perdas para este ano 2020.

“Tardaremos moito en recuperarnos porque existe a falsa crenza de que é normalidade o que está pasando” di Granados. A normalidade pasaría por que o consumo se reactivase, que o desemprego non subise, a finalización dos ERTE e volta ao traballo, sen a incerteza de se se continuará no posto ou se continuarán cobrando pouco.

Tampouco hai moita certeza de se as cifras do turismo se recuperarán polo menos ata a metade das cifras acumuladas o exercicio anterior.  “Se a campaña non é rendible, xuntamos os gastos de tres meses de confinamento e os gastos de verán, poderán pechar moitos autónomos e haberá moitos despedimentos”, sinalan desde ATA.

Pola súa parte, APE, (Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia) non queren aventurar datos. O presidente desta asociación, José Ramón Caldas ten claro que “o verán hai que deixalo pasar”, e aínda así non é optimista.

“É certo que tivemos a noticia que hai 206.000 autónomos en Galicia, por tanto o número está subindo” destaca Caldas. Dentro do total de autónomos están os acollidos a ERTE e por tanto, non declararon cese de actividade.

A situación actual non poderá seguir como ata o de agora por máis tempo, asegura José Ramón Caldas. Os peches levarán ao desemprego a moita xente, mais pode suceder algo que xa aconteceu coa crise comezada en 2008, o aumento de autónomos. Poderá darse o caso? “Seguramente, se a xente perde o traballo, as persoas teñen que colocarse, moitos daranse de alta como autónomos para traballar en empresas”.

O sector autónomo polo momento pode ir levando a situación “se compaxinas algo de paro e o que vaias gañando”. O futuro, non obstante, “hai que velo, van pechar moitos autónomos, mais contamos con que sairán axudas para o sector desde a Xunta” apunta Caldas. O presidente de APE lembra que “todo isto veu de regalo, non se esperaba”, e aínda así espera que, a pesar do peche de moitos, poidan abrir máis negocios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta