Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/06/2020 | Actualizada ás 21:25
O sindicato de sanitarios Prosagap critica duramente o bono regalo de 250 euros co que a Xunta quere gratificar a 20.000 profesionais da saúde. “Rexeitamos esa Tarxeta Gaivota”, critican nun comunicado no que denuncia que é unha medida “populista, electoralista, frívola e humillante”.
Así, este sindicato lembra que, durante o que vai de pandemia , os profesionais da sanidade demostraron “unha lealdade impagable en defensa da Sanidade Pública”. “Arriscamos a nosa saúde ao enfrontarnos á COVID sen medios de protección suficientes nin adecuados, aguantamos xornadas de traballo extenuantes por non dispoñer de recambios de epis nin de persoal, separámonos das nosas familias nuns casos e noutros padecimos a carga emocional do medo de poder contaxialas ao chegar aos nosos fogares”, indica nun comunicado.
“E, a pesar de todo isto, tentamos botar o resto que nos quedaba para acompañar aos nosos pacientes e que non lles faltase un sorriso , unha man que estreitar nos momentos difíciles e de total soidade”, di. Por iso, esixe ao presidente Xunta de Galicia que realice o investimento necesario na adquisición de Epis e “contrate a persoal estable” para poder seguir facendo fronte á pandemia. “Non estamos dispostos a seguir soportando esta situación e a desculpa do imprevisible da situación xa non nos vale”, destaca Prosagap .
Por iso, reclama “actuacións serias e suficientemente solventes, e non parches propagandísticos” ao tempo que reclama unha sanidade pública “sen recortes, privatizacións e externalizacións”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.