Pontón promete unha lei contra a deslocalización e implantar a tarifa eléctrica galega

A candidata nacionalista destacou a necesidade dun "sector industrial forte" para "ter futuro" e formulou a creación dunha mesa para fortalecer o sector da automoción.

Por E.P. | VIGO | 23/06/2020 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A menos de 3 semanas para as eleccións autonómicas do 12J -e 48 horas de que, previsiblemente, dé comezo do ERE de Alcoa- Ana Pontón (BNG) quere deixar claro o papel central da industria galega na candidatura nacionalista. Pontón propuxo este martes 23 unha serie de medidas pensadas para relanzar o sector secundario con especial fincapé na automoción, que a candidata considera "clave" para o desenvolvemento de Galicia.

A portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, charla con representantes sindicais da automoción, tras un encontro sectorial nun hotel de Vigo.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
A portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, charla con representantes sindicais da automoción, tras un encontro sectorial nun hotel de Vigo.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

En concreto, Pontón avogou pola constitución dunha "mesa" do sector, con representación da administración, das empresas e dos traballadores, "que permita deseñar o futuro" desta industria. A ese respecto, incidiu en que a automoción se atopa nun momento de cambios "acelerados", como a transición cara á desaparición dos motores diésel, e que debe "prepararse" e "adaptarse" a ese escenario.

DESLOCALIZACIÓN

Nun enfoque máis xeral, a candidadata nacionalista defendeu a necesidade de frear a "deslocalización" de empresas con planta en Galicia, unha problemática que pretende deter coa introdución dunha lei que "garanta" a instalación de firmas na comunidade galega. Á marxe, Pontón fixo mención a unha demanda histórica do BNG, a "tarifa eléctrica galega", de especial actualidade por ser o prezo da enerxía un dos argumentos de Alcoa para abandonar San Cibrao.

Finalmente, a aspirante do BNG á presidencia da Xunta lamentou que, nos últimos anos, "a precariedade é cada vez maior" na industria galega de automoción, e apostou por unha industria con "traballadores ben pagos", porque Galicia conta con "xente capaz e ben formada", cuxo futuro "non se pode escribir coa 'P' de precariedade ".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta