Unha dependenta de Inditex: "As doazóns de Amancio Ortega pagámolas nós con recortes nos nosos dereitos"

Mentres o dono de Inditex aumenta a súa fortuna un 17% durante o estado de alarma, as traballadoras das tendas do grupo ven como se "aproveita a pandemia para reventar dereitos que tanto custou conseguir". Séntense "indignadas" pola "dobre moral" de Amancio Ortega e pola "imaxe mediática que nada ten que ver coa realidade".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2020 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Carmiña Naveiro leva 23 anos traballando como dependenta nunha tenda do grupo Inditex. Dende hai xa moito tempo, ela e mais as súas compañeiras veñen denunciando a situación laboral que se vive dentro dos comercios, con "escaseza de persoal" na meirande parte dos casos e "elevadas cargas de traballo". Unha realidade, di, "da que non sae absolutamente nada nos medios de comunicación". Coa chegada da pandemia da Covid e a declaración do estado de alarma, Inditex comezou a impoñer modificacións substanciais das condicións de traballo das empregadas de todas as cadeas de maneira unilateral, notificadas de palabra e sen consultar cos comités e representación legal dos traballadores. "A empresa fai e desfai ao seu antollo", denuncia Naveiro, mais a súa imaxe mediática, "que nada ten que ver coa realidade", segue intacta.

Amancio Ortega, dono do grupo Inditex
Amancio Ortega, dono do grupo Inditex | Fonte: GC

"INDITEX APROVEITA A PANDEMIA PARA RECORTAR"

Concretamente esta dependenta, que ademais é presidenta do comité de empresa de Zara na Provincia da Coruña, leva catro modificacións horarias desde o día 12 de maio. Amparándose no estado de alarma e baixo o pretexto de salvagardar a saúde das traballadoras, "Inditex aproveita a pandemia para recortar os nosos dereitos", indica. Con estes cambios nuns calendarios que tantas loitas e mobilizacións custaron ás dependentas, o grupo de Amancio Ortega "barre" co día de descanso que lles correspondía entre semana e "dificulta" a conciliación laboral e familiar de moitas traballadoras nais. "Houbo compañeiras que conseguiran esa redución horaria a través dun xulgado e que con estas modificacións se viron obrigadas a deixar os seus nenos sós na casa para poder traballar". 

No medio dun proceso de conflito colectivo e ás portas dun xuízo, Inditex "tentou arranxar todos os horarios collendo mamá por mamá e negociando unilateralmente", fala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández. Para quen se nega, "a represión laboral é sanguenta", con ameazas de despedimento e coaccións. Carmiña Naveiro foi unha das que esixiu unha comunicación escrita deses cambios horarios, xa que se sentían "indefensas" á hora de poder facer relamacións. A resposta da empresa foi negativa, e daquela, esta dependenta decidiu presentarse no seu horario legal e informar de que só abandonaría o posto de traballo no caso de acordarse por escrito. "O que fixo a dirección de Inditex foi chamar a dous gardas de seguridade e catro policías para que me botaran da propia tenda, concretamente do almacén, onde eu estaba traballando na miña xornada e horario legalmente establecido. É a primeira vez que utilizan as forzas de seguridade do Estado para isto", denuncia Naveiro.

PIDE VOLUNTARIOS

Co gallo de "aforrar en contratacións", o grupo Inditex tamén vén de solicitar voluntarios do almacén de Zara Loxística para traballar no estocaxe das cadeas de Zara Home e Lefties da Coruña. Dende a CIG, Transi Fernández fala dunha "cesión ilegal de traballadores", e Carmiña Naveiro pon o foco en que "estas actuacións rouban dereitos ás dependentas" xa que "favorecen que se recorte dentro das tendas". "Supón unha discriminación porque estes traballadores teñen salarios máis elevados ca os nosos e agora están realizando os mesmos labores ca nós pero por máis diñeiro", critica Naveiro. "Coma sempre, as traballadoras das tendas somos a parte máis indefensa, a pesar de ser unha das máis importantes".

Protesta das traballadoras de Inditex, que portaban a mensaxe: 'Amancio doa, Inditex recorta'
Protesta das traballadoras de Inditex, que portaban a mensaxe: 'Amancio doa, Inditex recorta' | Fonte: CIG

Á fin, todo forma parte, explican, dunha "estratexia" para "aproveitarse da situación" e cubrir as carencias que xa tiñan as tendas "a conta de recortar en dereitos". E é que a precariedade das traballadoras vén de lonxe neste grupo. Carmiña lembra varios estudos psicosociais realizados nos comercios de Inditex onde se advertía dun "elevado risco físico e mental pola gran carga de traballo e escaseza do cadro". "Esta é unha empresa que non inviste un peso na nosa seguridade e na nosa saúde", sentenza. Tampouco durante estes novos tempos de Covid, onde as traballadoras "se cruzaban" entre quendas, tiveron privada a utilización das cociñas "mentres Amancio doaba unha bolsa de cátering aos camioneiros" e suman, aínda hoxe, novas funcións de desinfección de probadores e roupa ás xa habituais.

"Facémolo sen protestar", indica, pero por onde teñen claro que non pasarán é por asumir a rectificación do ERTE como "un favor" ás traballadoras, "tal e como o vende Amancio Ortega". "Sería sanguento que por un lado fixera doazóns e polo outro pretendese botarnos a un ERTE para que fosen os cidadáns quen pagasen o salario aos traballadores", explica a dependenta, que tampouco pasa por alto que o día en que Inditex anunciou ese posible expediente saíu á luz que Ortega obtivera 3 mil millóns de beneficios. "Sería sanguento", repite. Agora, logo deses dous meses de confinamento obrigado, a dirección de Inditex "dinos mil veces que temos que arrimar o ombreiro, en definitiva, cerrar a boca e calar".

AUMENTO NA VENDA ONLINE 

Lonxe diso, algunhas traballadoras alzan a voz para reivindicar que o estado de alarma non suspedía os seus dereitos e para mostrar a súa "indignación" porque nada disto saia nos grandes xornais. Contrastan os datos económicos da empresa co recorte de dereitos das traballadoras. "Inditex apareceu nos medios dicindo que por primeira vez tivera perdas. Iso non é certo, é sesgado. Aínda que a venda presencial sexa algo máis baixa que o ano pasado, a venda online de Inditex case se triplicou. O que perde por un lado gáñao tres veces máis polo outro", desmente a traballadora. Xustamente por isto, o grupo busca agora un "cambio de estratexia empresarial" visto o "filón" da venda online. 

A "DOBRE MORAL" DE AMANCIO ORTEGA

Mentres o dono de Inditex - o home máis rico do Estado e oitavo do mundo - aumentou a súa fortuna nun 17,2% durante o estado de alarma (datos de Forbes), as traballadoras do seu grupo saían protestar por mellores condicións de traballo. Carmiña Naveiro fala dunha "dobre moral" deste empresario multimillonario. "Todos saben das súas doazóns pero non de que está reventando os nosos dereitos que nos custou tantísimo conseguir", denuncia. "Inditex vai de alma caritativa dando máscaras e batas pero con nós fai todo o contrario. Se botas contas, todas esas doazóns pagámolas nós como traballadoras cos recortes que sufrimos", engade.

Ninguén mellor ca ela e as súas compañeiras, que viven de primeira man o que implica ser dependenta en Inditex, para explicar a realidade deste grupo empresarial. "Non deixa de ser hipocrisía", di. "De cara á galería vende que é unha empresa modelo que respecta as mulleres, pero o certo é que somos unha empresa feminizada e que a maioría das traballadoras temos xornadas precarias. O único que lle interesa é gañar cartos a conta de recortar dereitos", conclúe contundente. 

Tenda de Zara
Tenda de Zara | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 DdhH

Si tan buenas son en su trabajo, que cambien de empresas que están perdiendo dinero porque hablan como si su trabajo valiese un fortunón.

1 Manuel..

Nótase ben que estamos en época electoral. Saleu a morralla do burato e ponse a ornear como o burros que son.