Marea Galeguista promete crear unha lei galega de educación e derrogar o decreto do plurilingüismo

Demanda que o investimento en educación chegue ao 7% do PIB durante a próxima lexislatura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O candidato á Presidencia da Xunta, Pancho Casal, acompañou no arranque da campaña á cabeza de lista por Pontevedra, Peque González, nunha reunión coa Confederación de Anpas Galegas en Compostela, tras a que constataron que "en educación, co PP, non se pode ir a ningunha parte". Por iso, prometeu impulsar unha lei galega de educación que "empezo por derrogar" o coñecido como decreto do plurilingüismo.

Segundo informa nun comunicado, Peque González, mestra de profesión, reivindicou "o dereito a unha educación pública, de calidade e en galego en todos os niveis de ensino", e apelou a acabar coa práctica de "pechar centros públicos e financiar centros privados".

Así mesmo, a candidata pontevedresa remarcou que, despois da situación vivida coa crise da Covid, é preciso pór en marcha "medidas inmediatas" para afrontar o inicio do novo curso "en condicións que garantan o dereito das nenas e nenos a unha educación pública de calidade".

Esta actuación, para a Marea Galeguista, ten que "partir dunha diminución de cocientes que permitan o ensino presencial en condicións educativas e de calidade", co correspondente "aumento de persoais nas distintas etapas educativas que permitan desdobres de grupos e agrupamentos flexibles do alumnado".

Pancho Casal, pola súa banda, afirmou que a Marea Galeguista esixirá que, ao longo da próxima lexislatura, Galicia chegue ao 7% de investimento sobre o PIB en materia educativa. Para iso, volveu esixir que "os fondos estruturais da UE, dos que ningún outro partido fala, cheguen a Galicia e sirvan para blindar servizos públicos".

Neste sentido, Casal tamén avanzou a intención da formación de avanzar unha lei galega de educación que inclúa "a necesaria derrogación do decreto de plurilingüismo e o fin dos concertos educativos", partindo da interlocución co conxunto de actores da comunidade educativa e da sociedade galega, promovendo "un pacto pola educación máis aló das forzas que gobernen conseguindo unha directriz común neste sentido".

Reunión de representantes de Marea Galeguista coa Confederación de Anpas Galegas.. MAREA GALEGUISTA
Reunión de representantes de Marea Galeguista coa Confederación de Anpas Galegas.. MAREA GALEGUISTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Desfeita

Gústame Ana Pontón, e gústanme tamén estas xentes de Marea Galeguista. Penso que a primeira merece ser presidenta, e os galeguistas merecen estaren representados no parlamento. Quen non merece nada do que ten é Feijoo, ese carreirista sen principios nin substancia. Unha sociedade que vota un personaxe así retrátase a si mesma.