Por E.P. | Lugo | 28/06/2020 | Actualizada ás 11:14
A Deputación de Lugo quixo sumarse ás reivindicacións do colectivo LGTBI+ e mostrar o seu "firme compromiso" a través dunha declaración institucional con motivo do Día do Orgullo, que se celebra este domingo 28 de xuño, na que aposta por "traballar desde a escola" para lograr a igualdade.
Así, o goberno provincial dirixido por José Tomé reafirma o seu apoio ás políticas "que contribúan a alcanzar unha sociedade que garanta os dereitos e a igualdade real" das persoas LGTBI+, e máis concretamente, as mulleres lesbianas, trans e bisexuais, as "grandes invisibilizadas", ás que este ano se lle dedica o lema 'Mulleres LTB: sororidade e feminismo'.
Por iso, a Deputación apela a facer "un esforzo específico" para recoñecer a loita e as necesidades destas mulleres que sofren unha "dobre discriminación" no contexto dunha "sociedade machista".
"Temos que traballar desde a escola, porque só coa educación en diversidade alcanzaremos unha igualdade plena, consolidada e real. E precisamos traballar nas institucións, públicas e privadas, para facer real esa igualdade, rexeitando os estereotipos negativos que tantas veces acompañan ás mulleres lesbianas, bisexuais ou trans", remarca o goberno provincial.
Ademais, a Deputación alude ao marcado "carácter rural" de Lugo, o que engade en ocasións "dificultades específicas aos problemas" que teñen que afrontar as persoas LGTBI+: "Soidade, falta de referentes, maior incomprensión social e familiar, mesmo rexeitamento".
Por iso, a institución fai un chamamento a que os concellos sexan a administración "máis próxima" ao colectivo que vive en pequenos municipios, posto que responsables políticos e persoal municipal debe "reforzar o seu compromiso" cos dereitos destas persoas.
Precisamente, o Concello de Monforte, gobernado polo propio José Tomé, tamén se sumou aos actos do Día do Orgullo a través da colocación da bandeira arcoíris na fachada da Casa Consistorial.
Este símbolo do colectivo LGTBI+ permanecerá colgado ao longo de toda a próxima semana, tal e como explicou o rexedor, quen en nome de todos os veciños reafirmou o seu "apoio" a unhas reivindicacións que buscan facer visible a diversidade da sociedade "á vez que promoven a igualdade, liberdade e o respecto de todas as persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.