Por Xurxo Salgado | Compostela | 03/02/2025 | Actualizada ás 14:50
Un día si e outro tamén. Altri virou no tema polémico desta lexislatura. Nin comisión de investigación, nin problemas na vivenda, nin a situación da educación ou a sanidade pública. A construción da megacelulosa en Palas de Rei persegue ao presidente da Xunta e o seu partido alí onde vai, especialmente, no tramo final da confección dos derradeiros informes, o último, o de Augas de Galicia, que considera aceptable a gran masa de auga que fará falta para poñer en marcha esa megaindutria e que devolución de milleiros de litros requentados o seu cauce orixinal, non terán impacto no río Ulla.
"Como non vou dar por bo --o informe--. Estou sempre ao que digan os técnicos e ese documento está asinado por técnicos. Temos botado atrás outros proxectos por estes informes, pero os que se aproban teñen que seguir adiante". Foi a resposta de Alfonso Rueda ao ser preguntado pola aprobación deste novo documento.
De feito, para el este documento era "importante" para a posta en marcha da megacelulosa. "Aínda faltan informes, este era importante", apuntou ao tempo que defendía o traballo dos técnicos. Os mesmos técnicos que para o PP fixeron o seu traballo de forma profesional, e para o BNG están "moi presionados". "O que non imos facer é como esas forzas políticas, sobre todo o Bloque, que masacraron a técnicos, que dixeron cousas contra estes profesionas que fan o seu traballo porque as súas conclusións non lles gustan.
SEN DATA SOBRE INFORMES FINAIS
E foi Rueda máis alá nas súas críticas á oposición, principalmente, ao Bloque Nacionalista Galego. "Eu reitero o meu convencemento persoal de que se o BNG tivera gañado as eleccións, Altri sería o seu proxecto estrela", dixo. O presidente galego insistiu en que aínda quedan informes por aprobar e negouse a facilitar datas sobre a aprobación deste proxecto. "Iso é cuestión dos técnicos", volveu repetir.
Tampouco quixo avaliar os últimos movementos empresariais en torno a esta megacelulosa, a última, a compra por parte de Altri de Greenalia Forest e Greenalia Logistics a Smarttia, a empresa galega coa que impulsou este proxecto. "Pouco podo opinar diso, pero hai unha certeza e é que para que este proxecto vaia adiante necesitará de informes técnicos, independentemente dos movementos económicos que haxa sobre isto", mantivo.
LA VOZ
Preguntado sobre as filtracións do informe de Augas de Galicia e doutra documentación da Xunta a La Voz de Galicia, e se, os seguintes informes tamén serán filtrados a este xornal e non ao conxunto dos medios ou da sociedade, Rueda defendeu o traballo deste grupo mediatico. "Se un xornal fai o seu traballo e ten as súas fontes de información é normal", dixo ao tempo que criticou "que se fale diso e non da obxectividade dos técnicos que foron masacrados por xente que nin que leu eses informes".
Por iso, e preguntado por este xornal se vai facer algo --medidas xudiciais ou lexislativas-- contra as "descualificacións" de partidos políticos ao traballo destes técnicos, Rueda dixo que o primeiro que hai que ter é "respecto e educación". "Os ataques terán unha resposta, pero a día de hoxe, hai que pedir respecto aos profesionais que é o mínimo que se podía pedir", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.