Vigo, o Hollywood galego: máis de 50 rodaxes no 2024

O rexedor olívico, Abel Caballero, deu a coñecer a pasada semana na Feira de Turismo Internacional Fitur a potencialidade da Vigo Film Office, abrindo as portas a directores e produtores de cine: "No nome de toda a cidade, dígolle ao cine que é marabillosamente benvido en Vigo".

Por Ángela Precedo | VIGO | 01/02/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cando pensamos en Galicia como escenario de filmes, hai unha cidade que sempre se nos vén á cabeza: Vigo. De 'Los lunes al sol' a 'Toro', pasando por 'Mi querida señorita' e 'Un asunto privado', ata 'Apocalipsis Z' e 'La playa de los ahogados'. De Javier Bardem a Ángela Molina, pasando por Jean Reno ou Luis Tosar. Son moitos os directores, produtores e actores que elixen cada ano a cidade olívica como plató de rodaxe, e fano por unha sinxela razón: a súa versatilidade. Ademais de cidade con historia e emblemáticos edificos, Vigo tamén goza de impresionantes paisaxes dende o monte do Castro ou dende a propia ponte de Rande, así como de maxestuosas praias como Samil ou Toralla e unhas illas envexables, as Cíes, co areal máis fermoso do mundo, Rodas. Nun espazo duns poucos quilómetros Vigo concentra moi distintas localizacións que permiten aos equipos de gravación unha flexibilidade moi grande. E tampouco hai que esquecerse do idóneo escenario dalgunhas festas como a da Reconquista ou o propio Nadal. Para poñer en valor estes atractivos, aínda que non o precisen, o rexedor olívico, Abel Caballero, deu a coñecer a pasada semana na Feira de Turismo Internacional Fitur a potencialidade da Vigo Film Office.

Gravación da serie 'Un asunto privado' en Vigo
Gravación da serie 'Un asunto privado' en Vigo | Fonte: Commons

O pasado ano 2024 a cidade foi escenario de máis de 50 rodaxes. Entre elas, destacan 'Romería', da multigalardoada cineasta Carla Simón, que conta a historia dunha moza que viaxa ata Vigo para coñecer á familia do seu pai biolóxico, morto de SIDA, ao igual que a súa nai, cando ela era moi pequena; e 'Rondallas', de Daniel Sánchez Arévalo, cuxa trama se sitúa dous anos despois dun tráxico naufraxio que sacudiu a unha pequena vila mariñeira de Galicia, na cal os habitantes chega un intre no que deciden que deben recuperar a ilusión e deixar o luto atrás, unindo forzas para reactivar a rondalla e competir nun concurso contra as vilas veciñas. Tamén cómpre mencionar o filme sobre a illa de San Simón como campo de concentración polo que se calcula que pasaron máis de 6.000 presos políticos entre outubro de 1936 e marzo de 1943, do director Miguel Ángel Delgado. A estas películas habería que sumar o tan sempre agardado anuncio da lotaría de Nadal, pero tamén o de Mutua Madrileña, aproveitando a decoración das máis de 11 millóns de luces LED que iluminaban a cidade.

Segundo os anos de gravación, podemos observar que verdadeiramente a cidade gañou un notable peso no panorama audiovisual dos últimos anos, con cada vez máis producións gravadas nela. Pola banda das longametraxes, nos últimos 5 anos concentráronse 7 filmes: 'La felicidad de los perros' (2019), 'María Solinha' (2020), '9 Fugas' (2020), 'Live is life' (2022), 'Un hombre de acción' (2022), 'Los ojos de Europa' (2024) e 'Apocalipsis Z: El principio del fin' (2024). No tocante ás curtametraxes, estariamos a falar doutras 7: '16 de decembro' (2019); 'Onde dormen as gaivotas' (2020), 'Xoves de Comadres' (2020), 'Nigth Keeper' (2021), 'Regresión Cero. A noite que todo cambiou' (2023), 'Paseo por Vigo con Floreano e Monchiña' (2023) e 'Abellón' (2024). Pola banda das series, serían 8 no último lustro: 'Auga seca' (2019), 'La Unidad' (2020), 'Enemigo íntimo' (2020), 'Operación Marea Negra' (2022), 'Un asunto privado' (2022), 'La Liga, más allá del gol' (2024), 'A moza que abortou e o contou' (2024) e 'El caso Asunta' (2024). A toda esta prolífica produción habería que sumar tamén varios documentais e videoclips.

DURÁN MORRIS: "TODO O MUNDO ME DICÍA QUE TIÑA QUE MUDARME A MADRID E NOS MEUS 45 ANOS COMO ACTOR NUNCA ME MOVÍN DE VIGO"

Visto o visto, sobra dicir que Vigo respira cine polos catro costados, pero non só por todas as producións antes nomeadas, senón tamén porque a cidade é cuna de actores, sendo Antonio Durán 'Morris' o máximo expoñente de actor de éxito a nivel nacional, pero habendo moitos outros, como Pedro Alonso ou María Castro. Como o propio 'Morris' comentou en Fitur, "a miña historia ten moito que ver con como se creou a cidade de Vigo, xa que, como medio Vigo, son de Ourense, e a miña familia emigrou a Vigo coma moita outra xente, porque había moita industria". "Eu fun feliz no barrio de Teis", aseguraba. Para o actor, "Vigo é unha cidade cosmopolita enorme, con xentes moi distintas, coma se se tratase dun país en pequeno, pois a vida nos barrios é moi diferente á vida no centro". Ademais, reivindica que "Vigo non só vale como plató de cine, senón que tamén é unha cidade na que te podes retirar para escribir, porque ofrece moitas historias, é moi poxante, cunha vida que semella que vai ás présas, pero que tamén se detén nas pequenas cousas".

'Morris' tamén lembrou a súa leda época á fronte dun pub no barrio da Churruca, o Viva Zapata, centro da movida da época: "Como Vigo é porto de mar, moita xente viña soa e atopábase con outra cada noite". "Vigo non só ofrece aos directores e aos actores un plató, senón moitas cousas máis que aprender da xente que vive na cidade e nos arredores, da súa idiosincrasia e forma de ser tan especial", proclama 'Morris', lembrando aqueles tempos nos que todo o mundo lle dicía que tiña que mudarse a Madrid, mentres que el "nunca me movín de Vigo, nos meus 45 anos como actor". E asegurou que, cando pasa moito tempo rodando fóra, "xa sinto a necesidade de volver a Vigo para recargar as pilas". O actor recoñece ser vigués de corazón, porque "ser vigués é algo especial que se leva dentro". E tamén recoñece ser gran afeccionado do Celta, "dende os 12 anos levo indo ver o Celta e Balaídos é o único sitio onde non pasou o tempo, a herba cheira igual".

ABEL CABALLERO: "IMOS POÑER UNHAS LETRAS DE VIGO MÁIS GRANDES QUE AS DE HOLLYWOOD PARA QUE NON HAXA DÚBIDAS DE QUE NOS GUSTA O CINE"

"En Vigo somos cine, imaxe, guión, luz, cor, música, actores e actrices...", asegurou Caballero durante a súa intervención en Fitur, comparando o nivel acadado nos últimos anos por Vigo como plató de televisión con Hollywood: "Eles poñen as letras de Hollywood, pero nós imos poñer unhas de Vigo máis grandes para que non haxa dúbidas, porque nos gusta o cine". Dende o seu punto de vista, "o cine cambiou a cultura da humanidade e, dende que hai cine, o que nel se nos amosa inflúe no noso comportamento: falamos igual ca nas películas, temos os mesmos xestos, percorremos as mesmas rúas... Os nosos ídolos e ídolas do cinema marcan a nosa maneira de ser". Tendo isto en conta, Caballero afirmou que "o cine impregna a cultura e Vigo non quere quedarse fóra do cine, queremos formar parte da gran revolución cultural que apareceu con el". Por iso, trasladou o desexo da cidade de "que os equipos que veñen rodar a Vigo se sentan queridos, porque queremos que estén na cidade e que descubran nela as cousas excepcionales que temos". "En Vigo temos de todo, todo aquilo que calquera director ou directora de cine precise atoparao en Vigo", aseverou o rexedor.

Pero, sobre todo, se algo ten Vigo que a fai distinta das demais cidades, como asegurou Caballero, é a súa luz. "A xente do cine é algo que entende moi ben, a luz, e Vigo ten unha luz distinta, non só durante o Nadal, senón unha cor distinta que tamén foi a causa de que os mellores pintores da Historia de Galicia estiveran en Vigo, como é o caso de Lugrís", apuntou. Tamén sinalou as diferentes localizacións, tan variadas, coas que conta a urbe olívica: dende maxestuosas praias como as das Cíes ou a de Samil, ata as festas históricas como a da Reconquista, pasando pola Ponte de Rande e a ría de Vigo como escenarios de batallas navais de alto nivel, así como os túneles do monte do Castro e os seus máis de 100 metros de lonxitude ou a ETEA, "a disposición de maneira gratuíta e coas axudas que se precisen de quen desexe gravar en escenarios militares". A todo isto, Caballero sumou a música, que "sempre está en Vigo, onde os pentagramas e as notas semellan camiñar e moverse sós pola cidade". "No nome de toda a cidade, dígolle ao cine que é marabillosamente benvido en Vigo", reivindicou o rexedor, chanceando con que "Vigo é unha cidade tan importante que o alcalde de Nova York querería ser alcalde de Vigo, pero non lle deixo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta