Marea Galeguista reivindica que Galicia teña "os mesmos dereitos que otras nacións" como Euskadi e Cataluña

Pancho Casal aposta por un "modelo confederal" no Estado que recoñeza "o dereito da cidadanía galega a decidir sobre todo o que lle afecta".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/06/2020 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

O candidato de Marea Galeguista á Presidencia da Xunta, Pancho Casal, reivindicou que Galicia teña "os mesmos dereitos que outras nacións" como Euskadi e Cataluña como vía para avanzar na configuración dun "modelo confederal" no Estado que recoñeza "o dereito da cidadanía galega a decidir sobre todo o que lle afecta".

Membros da candidatura de Marea Galeguista nun acto de campaña con motivo do 84 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936
Membros da candidatura de Marea Galeguista nun acto de campaña con motivo do 84 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936 | Fonte: Marea Galeguista.

Casal pronunciou estas palabras durante a súa intervención no acto organizado este domingo en Pontevedra por Marea Galeguista no que conmemoraron o 84 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1936.

"Defendemos que Galicia teña os mesmos dereitos que outras nacións do Estado. Non pode ser que cando se fale de nacións, só se nomee a Cataluña ou Euskadi. Que iso cambie só podémolo reivindicar as forzas políticas con soberanía en Galicia, aquelas que tomamos as decisións exclusivamente en Galicia", sinalou Casal, acompañado no acto por outros membros da candidatura --Peque González e Andrés Núñez Rajoy-- e Amalia Bóveda, filla do político e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, fusilado en agosto de 1936 polo bando franquista.

No acto, Casal censurou que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo "non cre no autogoberno" e ponse "de perfil" cando se trata de exercer as competencias que atribúe o Estatuto de Autonomía á Xunta porque "implica responsabilidades".

Tamén lamentou a "apropiación" que, di, realiza Feijóo e o PP de "figuras singulares" do nacionalismo galego, como Castelao ou Bóveda, que "son patrimonio de todos os galegos".

Neste sentido, referiuse á polémica suscitada tras as palabras pronunciadas polo deputado de Vox, Javier Ortega Smith, sobre Castelao, a quen tachou de "racista". "Estamos aquí despois de que onte (o sábado) uns fascistas insultasen a Castelao, que é como insultarnos a todos os galegos e galegas", apostilou Casal.

PARTIDO GALEGISTA CAE DO ACTO

Finalmente, o acto deste domingo en Pontevedra non contou coa participación do Partido Galeguista, organización que forma parte da coalición Marea Galeguista xunto con En Marea e Compromiso por Galicia.

Fontes do partido relataron que non compartían que o acto que tradicionalmente realizan en recordo da aprobación do Estatuto de Autonomía do 36 formase parte da axenda de campaña para as eleccións do 12 de xullo, polo que decidiron non participar no mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta