GC Aberto

Coronavirus: o atraco bancario

Por admin | GC Aberto | 03/07/2020

Comparte esta noticia

Seica o grande Pessoa coidava que pensar sempre en grupo era perigoso porque obriga a estar sempre á espera dos outros para todo. Eiva, segundo a súa opinión, do povo portugués. Mais eu coido tambén que, ás avesas, pensar sempre individualmente, ten o mesmo perigo e leva a esa mesma espera mainiña que nos mantén na eterna inmobilidade a sofrer crecentes

Imaxe de arquivo de billetes de 50 e 20 euros. EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe de arquivo de billetes de 50 e 20 euros. EUROPA PRESS - Arquivo

abusos, incapaces de revolta e axitación.

Na sobranceira prosa de Pessoa, O banqueiro anarquista dise que a ficción social que constitúe o noso hábito é o sistema burgués, e que ou consideramos posíbel a sociedade livre e seremos anarquistas ou ben seremos defensores do réxime burgués, sen que o autor recoñeza teoría intermedia. Pois a desexavel igualdade só a impiden as ficcións sociais, por iso han ser destruídas. A non ser que un tipo naza para escravo e polo tanto incapaz de calquera esforzo para acadar a súa liberación. E para un home así, a liberdade será para el, a tiranía.

Hoxe a tiranía está na banca especulativa á que estamos amarrados en galeras máis ca noutrora. Víctimas da piratería de fondos monetarios e bancos centrais que o mesmo inflan burbullas inmobiliarias ca arriscan os aforros dunha vida en preferentes e outros tóxicos criminais.

Por iso os herois son máis do feitío do anarquista Lucio Urtubia ca do Joker do sonado filme. O seu golpe mestre de falsificación de cheques do First National City Bank of America, hoxe Citibank, co que case fai quebrar ao daquela maior banco do mundo, foi éticamente investido nos movementos de Tupamaros, por exemplo. Heroico aceno de xustiza redistributiva. E nun

pulso de David contra Goliat, o banco viuse forzado a lle retirar os cargos a cambio das pranchas de gravación coas que fixera as falsificacións da súa obra de arte social. Lúcido Lucio!. Acredito rexamente naquel pensamento seu de que se o paro e a marxinación crearan revolucionarios, os governos terían rematado xa co ámbolos dous.

Porén, agora fanse longas ringleiras de enmascarados ás portas dos bancos, máis que para atracalos, para ser atracados por eles. O virus coroado foi o golpe de graza para reducir gastos de persoal e oficinas da banca. Mais por se esta medida non resultara disuasoria nos tempos nos que o tempo, entre ertes e inertes, é xa ouro desquilatado, apuran a banca móbil vía comisións.

As comisións son a máis moderna innovación da banca especulativa como o puido ser a letra de cambio ou o papel moeda no paso do medioevo á Idade Moderna. Eis a chamada comisión de mantemento de Abanca (ese agasallo das caixas de aforros galegas) que atraca aos seus clientes pobres, - obrigados á relación clientelar por ter que cobrar unha nómina a través deles-, roubándolles a redor de cen euros anuais. Cen euros anuais! Para algúns iso é toda a súa renda mensual. Hai prestacións sociais mensuais dese montante. Para evitar esta comisión, moitos clientes vímonos forzados a pechar as nosas libretas e pasarmonos á tarxeta de débito a través da banca móbil. Pecharon así oficinas e desfixéronse de traballadores e gastos que corren agora a cárrego de nós, os clientes. Obrigando a pagar taxis a micropensionistas do rural para poder cobrar a pensión cada mes. Agora, as cero comisións son só para esa elite de clientes que teñen a sorte de ter máis de dez mil euros para que a banca xogue con eles especulando coa miseria das persoas ao outro lado do planeta. Eles, na súa xerga chámanlles servizos financeiros. Manobras especulativas con alimentos básicos de

comunidades humanas por eles empobrecidas, fluxos de sangue humana a penas disfarzados de fluxo de capital. O capitalismo financeiro vive máis da coprofilia dos xuros ca da escripofilia da arte do gravado de seus certificados de accións. É o modus operandi dos usurarios do capitalismo asasino.

Na súa orixe, disque os banqueiros eran os encarregados de mover o diñeiro dunhas zonas a outras con seguridade. Agora limítanse ao movemento de capitais sen ningún compromiso coa xestión dos bens nos que se inviste. Fondos avutre, negocio armamentístico, tráfico de drogas, prostitución, reservas de materias primas... En que momento histórico pasaron de gardadores a atracadores do diñeiro alleo? De cambistas a financieiros do abuso criminal?

Ah, Lucio, Lucio. Que tempos aqueles das moedas fiduciarias baseadas na fe fiuncega da comunidade sen respaldo de metal precioso ningún. Tempos nos que o poderoso cavaleiro aínda non financiara a segunda viaxe de Colón na cobiza de El Dorado.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Vituqo

Os actuais succionadores das roubadas Caixas do pobo galego non son os máis ladróns de todos: ó BancoSantander -que tánto fachendea de 'MarcaEspaña'- non lle cae a cara de vergoña ó cobrar 12€ mensuais (144 anuais) a todo individuo que non sexa quén de ingresar 600€ ó mes, e domiciliar 3 recibos, e sufragar unha tarxeta non desexada. O buque insignia dese entramado financeiro/especulativo (que continúa a debernos a tódalas pagadoras do estado español uns 60.000 millóns) con premeditación e alevosía asfixia co xeonllo das comisións específicamente á xente máis vulnerable. Unha patada na boca a quen pagamos -e pagaremos durante décadas- o seu 'rescate'. Pois se a intención é desfacerse da clientela menos rentable, que sexa. Pero que a Administración recupere o servicio que lle entregara á banca privada, e volva dar un servizo financeiro xusto e público a través, por exemplo, deses mesmos bancos rescatados e temporalmente nacionalizados. Facemos algo?