Pancho Casal: "É máis factible derrotar o PP coa Marea Galeguista que só co 'tripartito de Sánchez'"

O candidato da Marea Galeguista á Xunta de Galicia asegura que o país "necesita unha forza centrada, galeguista e progresista" e chama polas persoas que están na abstención e incluso por "moita xente que vota o PP e miraría como unha opción unha alternativa galeguista dialogante".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Francisco Casal Vidal (A Coruña, 1955), coñecido como Pancho Casal, asume a responsabilidade de encabezar a candidatura electoral da Marea Galeguista, unha coalición formada por En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista. Considerado a si mesmo discípulo de Luís Villares, Pancho Casal enfronta estas eleccións do 12 de xullo coa intención de ser unha formación "decisiva" e de recuperar a capacidade de diálogo no Parlamento de Galicia. Enxeñeiro eléctrico de formación e tamén produtor audiovisual, saltou á política no ano 2014 porque, dicía, estaba farto de criticar desde o sofá. Agora, como candidato á presidencia da Xunta de Galicia, presenta un proxecto político "galeguista, centrado e progresista" logo de que a pandemia da Covid reactivara unhas Mareas que xa estaban en retirada. 

O candidato á Presidencia da Xunta de Marea Galeguista, Pancho Casal, no debate televisivo a sete organizado pola radiotelevisión galega (CRTVG), o único debate electoral programado na campaña. CRTV
O candidato á Presidencia da Xunta de Marea Galeguista, Pancho Casal, no debate televisivo a sete organizado pola radiotelevisión galega (CRTVG), o único debate electoral programado na campaña. CRTV

Repasamos con el as propostas da Marea Galeguista nos diferentes ámbitos e a súa posición nun posible escenario de goberno de coalición de Galicia en Común, PSdeG e BNG.

Que cambiou do 5 de abril ao 12 de xullo? Por que naquel momento decidistes non presentarvos e agora dades o paso con Marea Galeguista?

Cambiou o mundo, cambiamos case de época. Naquel momento consideramos que non era imprescindible estar no proceso electoral pero agora os inscritos e inscritas de En Marea e do resto de partidos da coalición, Partido Galeguista e Compromiso por Galicia, pensaron que ante este reto da construción da nova normalidade en Galicia, que practicamente é un cambio de país coa crise que vai vir con posterioridade á pandemia, unha organización política ten que estar presente porque, se non, non dá un servizo á sociedade. Foi unha decisión das bases, por inmensa maioría, que a dirección asumimos porque era totalmente razoable. 

Que agardades destas eleccións?

A tendencia está sendo moi boa. Estamos triplicando a intención de voto que tiñamos ao comezo da campaña. E pola información que nos chega xa case temos garantido un deputado na provincia da Pontevedra, onde superamos o 5% [barreira de votos para poder optar a un deputado no Parlamento], e andamos cerca tamén na Coruña. Certo é que en Lugo e Ourense estamos un pouco máis abaixo, pero a tendencia é moi positiva.

"Queremos que se goberne desde o Parlamento contando con toda a cidadanía, tamén cos que votan o PP"

Sobre todo, para nós é moi importante trasladar a mensaxe de que as forzas tradicionais non son suficientes para representar a cidadanía galega. Unha forza galeguista, centrada e progresista que mire pola sustentabilidade do país e que poida falar con toda a cidadanía sen complexos nin prexuízos é necesaria en Galicia. Marea Galeguista é a maneira de garantir que no Parlamento Galego non haxa ningunha maioría, nin do Partido Popular nin do 'tripartito' de Pedro Sánchez [en referencia a PSdeG, Galicia en Común-Anova-Mareas e BNG].

Se non hai maioría, Marea Galeguista aportará ao Parlamento que volva ser un Parlamento. Nestes once anos estivo amordazado polo PP, non se debatía nada. Eu presentei centenares de iniciativas, moitas delas moi ben traballadas no ámbito da enerxía e da industria, que nin sequera eran debatidas ou se tombaban automaticamente. Queremos que se goberne desde o Parlamento contando con toda a cidadanía, tamén con todas as persoas que votan o PP, que son moitas, pero iso si, co PP na oposición. Se ten maioría volverá amordazar o Parlamento e só gobernará para unha parte dos galegos e galegas. 

O LUGAR DA MAREA GALEGUISTA

"Os problemas do país non son problemas de esquerdas ou de dereitas"

O presidente do Partido Galeguista, Manuel Soares, falaba de que esta non era unha forza "nin de esquerdas nin de dereitas". Onde se coloca Marea Galeguista no espectro político? En que coordenadas?

O que queremos dicir é que os problemas do país non son problemas de esquerdas ou de dereitas. Que non morran persoas en residencias privadas non é de esquerdas nin de dereitas, é de humanidade. Hai moitas cuestións ao redor do que hai que construír en Galicia que van máis alá das ideoloxías; son cousas de sentido común, de poñerse de acordo entre toda a cidadanía. O normal sería que chegaramos a consensos incluso co Partido Popular, sobre todo nos eixos principais que van marcar a reconstrución do país.

Marea Galeguista abrangue partidos que van desde o centro ata a esquerda galeguista. Ten unha formulación moi progresista e de soberanismo e transversalidade na sustentabilidade. O futuro de Galicia ten que ser sostible ou non será. Creo que isto nos diferencia das ofertas dos partidos con dependencia de Madrid e tamén do BNG, que dentro do soberanismo ten unha visión moito máis pechada.

Socialmente hai moita xente en Galicia que se sente dentro desta formulación de galeguismo que defende os intereses de Galicia sen distinguir entre galego bo e galego malo e sen pedir carné a ninguén. 

Un dos argumentos que utiliza Feijóo ao seu favor é o de ofrecer un partido unido. Temes que unha oposición tan fragmentada poida benefinialo? Cres que ese discurso pode calar?

Durante 40 anos de goberno autónomo só unha vez a esquerda nacionalista e mais a estatalista conseguiron derrotar o PP. Por iso consideramos que falta esa forza galeguista máis tranversal que poida falar con todos. As candidaturas da Marea Galeguista son persoas da rúa, cada unha coa súa profesión: hai enfermeiras, enxeñeiras, traballadores de Alcoa, do metal, mestras... Dos 75 que somos, só un se dedicou profesionalmente á política durante tres anos, que fun eu, logo de 42 anos como enxeñeiro e produtor audiovisual. Creo que isto nos dá unha capacidade de interlocutar coa sociedade maior ca outros partidos que están formados por estruturas máis pechadas. 

"Moita xente que vota o PP miraría como unha opción unha alternativa galeguista dialogante"

Que haxa máis alternativas beneficia o PP? Eu creo que todo o contrario. Incluso moita xente que vota o PP miraría como unha opción unha alternativa galeguista dialogante. Tamén moita xente que está na abstención e que non se sente representado polos partidos tradicionais: nin polo nacionalismo do BNG, nin polos partidos da esquerda e da dereita estatal. Aí é onde a Marea Galeguista ten que ilusionar, a ese 35% dos galegos que pensa que ningún deles os representa. 

En definitiva, cremos que é máis factible derrotar o Partido Popular cunha alternativa como a nosa presente que soamente co 'tripartito de Sánchez'. Marea Galeguista non ten as mans atadas por ningún acordo previo. O BNG levaba toda a lexislatura reclamando a transferencia da AP-9 e desde que pactou o Goberno con Pedro Sánchez non volveu falalo. Podemos pasou dous anos reclamando a intervención de Alcoa e agora di que será despois das eleccións. Todo isto acontece por condicionantes que a Galicia non lle veñen nada ben.

Galicia en Común, BNG e PSdeG falan dun posible goberno de coalición que deixe a Feijóo na oposición. Marea Galeguista apoiaríao? Con algunha condición?

Apoiariámolo, pero coa condición de que se centre a formulación do Goberno en Galicia. En concreto: o día seguinte a que se conforme o goberno, Alcoa ten que estar intervida. Tendo en conta que as decisións da intervención de Alcoa son do Goberno do Estado e da Xunta, este paso estaría nas súas mans.

Doutra banda, dos 140.000 millóns de euros do plan de reconstrución que veñen da Unión Europea para España, 10.000 millóns terían que ser destinados a Galicia. Pediriamos tamén a transferencia inmediata da AP-9 e o rescate deses 150 millóns de euros de atraco a todos os galegos; e que as subastas de renovables estiveran condicionadas a subministro para a industria electrointensiva, que sería a salvación para moitísimas empresas. Estas son as cuestións que a Marea Galeguista esixiría para darlle o goberno a ese tripartito. En definitiva, que se gobernara mirando para Galicia. Evidentemente con solidariedade dentro do Estado, pero para ser solidarios primeiro hai que atender as necesidades básicas da nosa cidadanía.

"Apoiaremos un goberno de coalición de esquerdas se goberna mirando para Galicia"

SANIDADE, INDUSTRIA E EDUCACIÓN

Cales entende Marea Galeguista que son os tres principais problemas de Galicia e cales son as súas tres principais solucións?

"A Xunta ten que adquirir Povisa en Vigo"

Os servizos sociais teñen que ser 100% públicos. Isto non quere dicir que non exista sanidade privada, pero non se poden estar derivando persoas da sanidade pública á privada. A Xunta de Galicia ten que adquirir Povisa en Vigo. As residencias da terceira idade teñen que ser públicas. O que aconteceu nelas foi unha catástrofe que non se pode tolerar. Xa digo, é algo que vai máis alá das ideoloxías, é unha cuestión de humanidade. Así mesmo, a ensinanza de cero a tres anos tamén ten que ser pública e gratuíta.

"Precisamos un verdadeiro plan de reconstrución para parar a debacle industrial nestes once anos"

Os cartos que chegarán a Galicia deben destinarse, polo tanto e primeiramente, a sanidade, educación e servizos sociais; e posteriormente, a un verdadeiro plan de reconstrución industrial de Galicia para parar a debacle industrial nestes once anos. Estamos 20 puntos por baixo respecto da situación que había hai onde anos; miles de postos de traballo perdidos. Un país non ten futuro sen industria. Ademais, hai que duplicar o investimento en I+D+i porque estamos perdendo a todos os investigadores. Nove de cada dez teñen que dedicarse á hostalaría ou marchar ao estranxeiro.

Agora teremos cartos se a posición de Galicia se defende con forza. Temos todas as posibilidades: terra, mar, auga, vento... O PP non pode trasladar ese sentimento de desesperanza e de pobreza. Feijóo privatizou ata o vento. O 70 % dos eólicos de Galicia están en mans de multinacionais. Iso non pode ser. Os eólicos teñen que dar servizo á pequena e mediana industria galega. As cooperativas agrogandeiras teñen que ter enerxía barata con parques eólicos nos territorios que agora son espoliados por multinacionais.

"Aos traballadores da industria hai que darlles garantías absolutas de recolocación e de que non van perder nin un mes de traballo"

Un dos eixos transversais da vosa proposta política é a defensa dunha transición verde e sostible. De que maneira?

Toda a industria que non sexa sostible non ten futuro. Unha fábrica coma a de Ence en Pontevedra arruína unha ría que podería xerar miles de postos de traballo. O que hai que facer é solucionar as externalidades negativas: hai que darlle solución a todos os postos de traballo que se poñen en risco por esa transición. Os traballadores que teñan dificultades polos cambios de produción industrial teñen que ter posibilidades de formarse noutro tipo de iniciativas mantendo dereitos económicos e sociais. Hai que darlles garantías absolutas de recolocación e de que non van perder nin un mes de traballo. Isto garantiría os que xa están e xeraría miles de postos de traballo da eficiencia enerxética. 

Non podemos repetir que os masivos fondos europeos se empreguen en asfaltar corredoiras como se fixo nos anos 90. Hai que investir en construír o futuro de Galicia.

A sanidade tamén está no centro do debate. Comentabas a necesidade de ter uns servizos 100% públicos. Que proposta fai Marea Galeguista para reverter a situación de precariedade que veñen denunciando os profesionais todo este tempo?

Dotación de persoal e de infraestruturas. Onte estivemos no Hospital de Monforte e o circuíto Covid coincidía co circuíto de entrada das persoas no PAC e no Hospital, non tiñan persoal suficiente... Non pode ser. Este é un exemplo pero están todos os hospitais igual, traballando coa metade de especialistas dos que se precisan. Necesitamos unha Atención Primaria de primeira. Os médicos non piden tanto, só cinco minutos por paciente. Todo o que precisamos está recollido nas demandas de SOS Sanidade Pública. E xa digo: non se pode derivar a xente á privada. 

No eido educativo, Marea Galeguista promete a creación dunha lei galega de educación que comece pola derrogación do decreto do plurilingüismo. En que se basearía esta lei?

No que respecta ao decreto do plurilingüismo, cómpre dicir que realmente non foi de plurilingüismo. Dicíase que había que dar un terzo de aulas en inglés, un terzo en castelán e un terzo en galego, pero na inmensa maioría non tiñan como implantar ese terzo en inglés. Ao final resultaban dous terzos en español e un terzo en galego. Non estamos en contra de que os nenos aprendan inglés, pero non pode ser que se decrete e non se fagan dotacións económicas.

En canto ás ratios, a consellería di que hai que ampliar as distancias de seguridade. E como se fai iso sen máis instalacións e sen máis profesorado? As consellerías da Xunta están acostumadas a largar decretos e non poñer os cartos para poder desenvolvelos. A lei de educación tería que garantir todo isto. Unha educación máis inclusiva, diversa e igualitaria. Hai que gastar ata o 7 % do PIB en educación. 

O RURAL GALEGO

Outro dos grandes problemas de Galicia é o despoboamento. Como facer atractivo o rural á xente nova?

"Servizos, mobilidade e tecnoloxía"

É evidente. Con servizos, mobilidade e tecnoloxía. Se no rural houbese sanidade, educación e conexión a Internet da mesma calidade ca nunha cidade, moitísima xente podería teletraballar. Nós falamos de voltar ao rural para quedar, pero para quedar en condicións. Se non vas poder ter paridoiro, se non vas ter médico, se os teus fillos teñen que andar 30 quilómetros para ir ao colexio, non se fixa poboación. Se estivera dotado, a capacidade de creación de riqueza do rural galego sería inmensa, coa agrogandaría ecolóxica, coa transformación de produtos... A miña referencia é Bretaña. Hai 50 anos funcionaba igual ca Galicia e agora é unha das rexións máis ricas de Europa, téndose baseado nos valores propios do territorio. Esa é a solución.

Evidentemente implica investimentos moi importantes, pero o retorno vai ser moitísimo maior. Tamén habería que facer políticas de inmigración xustas e progresistas, porque o problema demográfico non o imos corrixir nin en cinco nin en dez anos. Seguro que todos sairiamos beneficiados. 

Neste sentido, Marea Galeguista fala tamén da posta en marcha dun tren de proximidade, non?

"Cos cartos que vai custar o AVE á Coruña e a Vigo poderíase enlazar toda Galicia"

O AVE non foi un bo negocio para Galicia. Sería moito mellor que o AVE chegara ata onde non é extremadamente caro, e a partir se fixeran todas as liñas a 200 km/hora. Isto é o mesmo que se fixo en Francia, onde hai dous eixos de AVE e o resto son liñas a 200 Km/hora. Cos cartos que vai custar o AVE á Coruña e a Vigo poderíase enlazar toda Galicia: A Coruña con Ferrol, A Coruña con Lugo, Lugo con Ourense, e sobre todo, Vigo con Oporto. Iso case é máis importante ca enlazar con Madrid, porque crearía un ámbito de dez millóns de persoas que a nivel económico e social sería verdadeiramente potentísimo. E por riba; con menos custo. O que pasa é que o AVE interesa a Florentino Pérez, Villar Mir... En cambio, un tren de proximidade poderíase construír integramente por empresas galegas. Iso é o que chamamos nós soberanismo cidadán e iso é o que nós entendemos como capacidade de tomar decisións desde Galicia. O impacto na estruturación do país sería decisivo.

DEBATE TERRITORIAL

Marea Galeguista parte da necesidade de gobernar desde Galicia e mirando para Galicia. Cal é a vosa posición no debate territorial do Estado?

Marea Galeguista ten claro que Galicia é unha nación e así tería que ser recoñecida. Ten que ter os mesmos dereitos que o País Vasco e Cataluña. No pacto polo que o BNG deu o seu apoio ao goberno de Pedro Sánchez firmouse negro sobre branco que calquera transferencia ou capacidade de xestión nova que tivese Cataluña e País Vasco tamén a tería Galicia. Pois xa tivemos a primeira na frente: o Ingreso Mínimo Vital vai ser xestionado por País Vasco e Cataluña mentres Galicia vai seguir mirando para Madrid. E ninguén dixo nada. E está firmado. Son as cousas que non pasarían se a Marea Galeguista é decisiva nun goberno da Xunta de Galicia.

En definitiva, para nós Galicia é unha nación e o avance ten que ir cara a un Estado plurinacional. Por suposto, todo é un proceso, entendemos que as cousas teñen que ir paso a paso. Habería que chegar a un consenso no eido que fose: federal, condeferal... Evidentemente dentro do Estado español. 

"Marea Galeguista somos o voto útil para garantir que as decisións se tomen en Galicia"

Chegamos á fin. Hai algo máis que queiras engadir antes de rematar?

Que temos claro que imos estar no Parlamento, a progresión nas enquisas déixano claro. A xente debería pensar que o voto útil está moi ben, pero útil para que? Útil para que siga gobernando un partido que che quitou o médico?, que mandou os teus fillos á emigración?, que privatizou as residencias onde logo morreron case 190 persoas? Útil para un goberno que non mira só para Galicia e que está pendente do que di Pedro Sánchez en Madrid? Marea Galeguista somos o voto útil para garantir que as decisións se tomen en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

3 Daniel F. Noquerol

Está bien que sea cabeza de lista alguien como Pancho que en su vida laboral hizo bastante más que dedicarse a la política profesional o al funcionariado, alejado totalmente de los problemas de la mayoría de los ciudadanos. como es el caso de Núñez Feijóo, Pontón o Caballero. Aunque no le voy a votar reconozco que Pacho es posiblemente el candidato más preparado de las cabezas de lista de los 7 principales partidos que se presentan.

2 Desfeita

Por desgraza, o limiar do 5% -ese agasallo de Fraga ao PP, PSOE e BNG- fai bastante probábel a influencia do chamado voto útil. Espero polo menos que os galeguistas que non se decidan a votar Marea Galeguista elixan o BNG.

1 Gamela

Pode ser que logo de 4 anos no Parlamento aprendera algo... pero a xestión do ILP sobre pobreza enerxética foi nefasta... se é así como pensa DIALOGAR coa dereita do PP estamos aviados... https://i.gal/gamela09 O proxecto de unidade nacionalista foi DINAMITADO pola UPG e iso xa non ten volta atrás !

1 Papagayo Roldán

E o 5G está relacionado con la coviz-19

2 Gamela

Cando os papagaios convértense en galiñas pouco temos que facerlles, agás botarlles millo ! https://youtu.be/mhTFOe35BbU?t=3010

3 Papagayo Roldán

Responsabilidade de todos menos del que sorpresa meu por que te metes tanto con el deixao que xa está maior que pretendes colgando este video

4 Gamela

Vexo que hai que explicarcho todo... será porque non queres comprender (?) No vídeo queda ben claro que se o BNG (UPG) houbese aceptado hai catro anos xuntar forzas xa levarían 4 anos gobernando Galicia. Agora o proxecto de Unidade da Esquerda quedou desfeito grazas ao traballo de zapa da UPG... e agora venden como éxito pasar outros 4 anos cacarexando na oposición infinita con 20 deputados que só van servir para reivindicar unha República Inexistente con Bildu e ERC ! En definitiva outros 4 anos cobrando e sen responsabilidades de goberno ! Coma sempre a UPG leva 57 anos falando do seu Internacionalismo Nacionalista e Paco Rodriguez movendo os fíos na sombra... Explicado ?