Por E.P. | A CORUÑA | 11/07/2020 | Actualizada ás 15:25
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, apelou este sábado de reflexión a que este domingo os galegos "expresen democraticamente a súa vontade de facer un país diferente a partir do día 13", o día seguinte á votación.
A cabeza de cartel da coalición na que participan Podemos, Esquerda Unida, Anova e mareas municipalistas aproveitou a xornada de reflexión das eleccións autonómicas para darse un mergullo na cala de San Roque, na Coruña.
En declaracións aos medios, valorou o carácter "diferente" dunha campaña que leva unha xornada de reflexión tamén "diferente". "En primeiro lugar, porque hai moita xente na Mariña lucense que aínda continúa coa incerteza de saber se pode votar, sen saber se pode ou non moverse da zona", explicou, sobre o brote de COVID-19 que ascende a case 200 persoas.
A iso engadiu que os galegos "continúan sen saber" e "sen ter indicacións claras" de "como se vai a garantir o dereito a voto e á saúde de parte da poboación do país". Así, Gómez-Reino dixo que "toca reflexionar" e "pensar no que ocorreu nos últimos anos, pero tamén nos últimos días", para este domingo "actuar en consecuencia" nas urnas do 12X.
"Suceda o que suceda, a partir do luns 13 Galicia en Común imos estar traballando para buscar acordos e, sobre todo, para liquidar os problemas, as demandas, os desexos e as preocupacións da cidadanía galega", sentenciou o candidato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.