Os reis de España estarán en Compostela para a ofrenda ao Apóstolo no Día de Galicia

A localización da cerimonia volverá desprazarse á Igrexa de San Martiño Pinario por mor das obras da Catedral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2020 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

No ano máis difícil dos últimos para a economía e o turismo, os Reyes de España estarán tamén en Galicia dentro da súa rolda de visitas polo territorio nacional. Será o próximo 25 de xullo, coincidindo co día grande da Comunidade e para asumir en primeira persoa a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, marcada este ano, como o resto de celebracións, pola pandemia de COVID-19.

Aínda que o primeiro Ano Santo en máis dunha década non será ata 2021, e a pesar de que a tradición marca que os monarcas asuman o papel de oferentes coincidindo co Xacobeo, esta será a segunda ocasión na que Felipe VI realizará a tradicional Ofrenda, un papel que xa exerceu en 2014, pouco despois da súa coroación, como homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois, que tivera lugar un ano antes e que motivou a suspensión da Ofrenda de 2013.

No ano 2010 foi o seu pai, o agora rei emérito, Juan Carlos I, o que se encargou deste labor, algo que fixo todos os Anos Santos desde a súa coroación --1976, 1982, 1993, 1999 e 2004--.

Aínda que o espírito da Ofrenda será o mesmo, nesta ocasión, a celebración virá marcada por moitos cambios. Entre eles, probablemente, a localización, xa que volverá desprazarse á Igrexa de San Martiño Pinario por mor das obras da Catedral. Tamén os aforamentos estarán afectados e imperará a distancia de seguridade mesmo para os curiosos que o vindeiro sábado queiran achegase á zona vella de Santiago para saudar ás súas maxestades.

PERSONALIDADES POLÍTICAS

Fóra do Ano Santo --e do ano 2014, no que Felipe VI quixo exercer este labor--, en cada Ofrenda, a Casa Real designa un delegado rexio entre as personalidades políticas da Comunidade, que desempeña o papel de oferente.

Remontando 20 anos a celebración, no 2000 exerceu esta función por delegación real o entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, mentres que o alcalde compostelán foi a personalidade elixida en 2001, 2005 e 2008.

A infanta Cristina, pola súa banda, realizou a ofrenda no ano 2002 e o entón presidente do Parlamento, José María García Leira, encargouse en 2003. En 2007 foi a súa homóloga na Cámara autonómica Dolores Villarino, e un ano antes, en 2006, outro presidente autonómico, Emilio Pérez Touriño.

O actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, exerceu como delegado rexio nos anos 2009, 2015, e 2017. Fora designado tamén para a Ofrenda de 2013, que non chegou a celebrarse polo accidente de Angrois.

Dous presidentes do Parlamento --Pilar Rojo e Miguel Santalices-- foron designados os anos 2011, no caso da primeira, e 2016 e 2018, mentres que en 2012 exerceu este papel o entón alcalde popular da cidade, Anxo Currás. O ano pasado repetiu esta función o rexedor Xosé Sánchez Bugallo, que volveu á Alcaldía tras vencer nas municipais de 2019.

A Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago foi instituida en 1643 por Felipe IV e, ao longo dos anos, mantívose a tradición de que reis, xefes de Estado ou personalidades coas máis altas responsabilidades rendan homenaxe ao Patrón das Españas para pedir a súa intercesión en asuntos de actualidade ou de preocupación colectiva.

Obras na nave principal da Catedral de Santiago
Obras na nave principal da Catedral de Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta