Romaría 'online' en Reino Unido para festexar o Día da Matria

A REGA-UK substitúe este ano a súa romaría en Hyde Park por mor da Covid-19. A romaría en liña contará con artista como Carlos Núñez e Xabier Díaz.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2020 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A asociación Rede Galega en Reino Unido (REGA-UK), con sede en Londres, vai celebrar este sábado, 25 de xullo, unha ‘Romaría online’ para celebrar o Día da Matria. Por mor da pandemia do coronavirus, a organización substitúe este ano a súa tradicional romaría en Hyde Park por un evento en liña no que participarán artistas de distintos puntos xeográficos.

Cartel da asociación REGA-UK para o Día de Galicia.
Cartel da asociación REGA-UK para o Día de Galicia. | Fonte: REGA-UK

A partir das 19:00, hora galega, do 25 de xullo, a páxina de Facebook de REGA-UK será un punto de encontro para a cultura galega que se artella na terra e fóra dela, tecendo redes entre artistas de Galicia, Londres e Arxentina.

Durante a romaría vanse alternar actuacións musicais con intervencións de actores e poetas e mais con saúdos de numerosos artistas. Polo de agora xa está confirmada a participación de músicos como Bieito Romero, Carlos Núñez, Belém Tajes, Xabier Díaz, a familia Seivane, Zeltia, os irmáns Carlos e Fran Barcia, Dequenvessendo, David Carril e Son da Illa. O programa completarase coas colaboracións dos actores Touriñán e Diego Freire e do poeta Enrique Gavilanes.

Durante o evento vanse presentar en exclusiva dous novos temas musicais. Por unha banda, o último single de Ugía Pedreira, que, acompañada de Pier El Gabacho, vai musicar un poema de Enrique Gavilanes. Por outra banda, será tamén a presentación oficial do novo tema do gaiteiro Alberto López, membro do grupo Sete Netos de Bos Aires.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta