A Fegamp convocará unha Comisión Executiva extraordinaria tras non acadar consenso sobre o superávit

A proposta do Ministerio de Hacienda establece que os concellos terían que prestar voluntariamente os seus aforros ás arcas públicas e logo devolveríaselles mediante dous ingresos en 2020 e 2021 de 5.000 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias convocará unha Comisión Executiva extraordinaria para tratar de acordar un documento coa postura dos concellos galegos con respecto ás negociacións entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Facenda para o uso do remanente e do superávit das arcas locais.

Será a segunda oportunidade para tratar de chegar a un consenso que non puido producirse esta semana a pesar de que chegou a haber un documento base sobre a mesa para negociar. A demanda do PP, que esixía que se incluíse nel a petición expresa de que se retirase a proposta de Facenda, cuxo borrador se difundiu, e coa que estaba en desacordo o presidente da entidade, o socialista Alberto Varela, impediu alcanzar un texto final de consenso.

O BNG, quen manifestou publicamente o seu rexeitamento á proposta de Facenda, estaba disposto a asumir un texto que, na liña dun relatorio previo que marca a liña política da Fegamp, incidía na necesidade de flexibilizar o uso do superávit e dos remanentes dos municipios. Pedía, iso si, que a FEMP informase previamente á Fegamp de calquera acordo que poida afectar as administracións galegas.

Segundo transcendeu, a proposta de Facenda establece que os concellos terían que prestar voluntariamente os seus aforros ás arcas públicas e logo devolveríaselles mediante dous ingresos en 2020 e 2021 de 5.000 millóns de euros. O resto, quedaría en Facenda e reintegraríao nun prazo de dez anos.

Iso si, o propio presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou o pasado mércores que as negociacións "están avanzadas" pero desde a agrupación municipalista aínda non as daban por pechadas. Precisamente por iso, postergou a reunión da Xunta de Goberno, prevista para o venres pasado, a esta semana.

O feito de pronunciarse antes desta xunta é o que motivaba, precisamente, a urxencia de pechar un comunicado oficial do municipalismo galego, que finalmente non foi posible.

FLEXIBILIZAR O USO DO SÚPERAVIT

Segundo ratifica a Fegamp, nun comunicado, no Consello Federal celebrado este martes lembráronse as directrices da última Asemblea Xeral, máximo órgano de goberno que marca as liñas políticas da Federación do seguintes catro anos, e na que se constituíu a directiva que agora rexe.

Dita Asemblea --subliña a Fegamp-- acordou requirir unha reforma da lei de estabilidade financeira nos aspectos que afectan as entidades, así como instar a unha flexibilización no uso do remanente e superávit.

A Fegamp remarca que a redacción dun comunicado oficial do Consello non conseguiu conseno "ao disentir un dos portavoces", en alusión velada ao vicepresidente primeiro e alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PP), polo que o presidente da entidade municipalista convocará unha Comisión Executiva extraordinaria.

REUNIÓN CON EDUCACIÓN

Ademais de abordar este asunto e aprobar o orzamento anual da Fegamp, o Consello Federal tamén tratou a situación derivada da pandemia, co foco no campo educativo e solicitouse á Xunta unha reunión para analizar a repartición de competencias e o financiamento das mesmas.

En concreto, as fontes consultadas por Europa Press mostráronse preocupadas polo custo da limpeza nos centros de Infantil e Primaria.

A Fegamp lembrou este mércores que a administración local non recibiu ningunha inxección económica directa para enfrontar os custos da pandemia.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela
O presidente da Fegamp, Alberto Varela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta