Non sei si Rubalcaba azoutará coa regra a Carme Chacón nas nádegas por díscola, ou castigará a José Zaragoza de xeonllos, cos brazos en cruz sostendo a Constitución. Profundamente autoritarios no fondo, Rubalcaba, Cospedal, Pachi, Roda, Rego, Durán e todos os xerais secretarios militarizados resérvanse para si o monopolio do dereito a pensar e a decidir.
O concepto de disciplina, cargado de connotacións relixiosas e castrenses, produce calafríos. Véxase a definición do dicionario: “Especialmente na milicia e nos estados eclesiásticos secular e regular, observancia das leis e ordenamentos da profesión ou instituto”. Os partidos, empeñados na súa propia supervivencia como tarefa principal, impoñen aos seus membros “leis e ordenamentos” internos dubidosamente constitucionais.
En efecto, a Constitución (Art. 67), prohibe o mandato imperativo, de orixe medieval e suprimido xa en 1791 pola Revolución Francesa; pero aquí os partidos practícano sen pudor. Está en cuestión a representatividade destes parlamentarios obedientes e submisos, estómagos agradecidos, o que remite dunha vez por todas ás listas abertas, que poñerían aos coroneis e secretarios xerais contra as cordas.
Este mandato imperativo disfrazado como “disciplina de voto”, imposto polas executivas mediante un código penitenciario de sancións e condena ao ostracismo, é un escándalo e unha ofensa á cidadanía. Unha práctica que socava os cimentos da democracia e convértea en paripé: o xefe de filas levanta un dedo e todos os seus sectarios votan SI; indica dous dedos e as ovelliñas submisas votan NON; levanta tres dedos e o rabaño abstense. O sentido do voto, novo dogma de fe, decídeo o estado maior no sanedrín ou en maitines, todo moi militar e moi relixioso. Os resultados das votacións son aritméticos: “Díxoo puntoBlas, ponto redondo”.
Deste lamazal nace a rabia do 15M: “Que non, que non nos representan, que non”. No noso sistema parlamentario, o xefe sempre ten razón. Dá igual que a decisión da cúpula sexa incongruente co programa (subida do IVE versus programa do PP); que sexa contraria aos intereses dos votantes (agravios a Galicia nas Cortes), ou que o asunto afecte á propia conciencia (hipotecas, preferentes, aborto, igualdade).
O deputado obediente non ten posibilidade de ser fiel os seus electores, ao programa co que se presentou ou ás súas lexítimas conviccións. A súa única opción é pensar pouco e calar. Algúns non abren boca en toda a lexislatura. Son cidadáns de segunda con privilexios de primeira: o seu partido amputoulles o dereito a falar e o dereito a decidir, que é o noso dereito. ¿A cantos cidadáns máis terán que multarnos con 600 euros os rubalcabas e as cospedales por pensar distinto ao que manda o xefe, por discrepar en voz alta, por exercer o noso dereito a decidir?
@Tornarratos